InicioMemoria HistóricaO Vello Cárcere de Lugo será declarado Lugar de Memoria Democrática en...

O Vello Cárcere de Lugo será declarado Lugar de Memoria Democrática en maio

O alcalde, Miguel Fernández, lembrou que a visita que realizou o secretario de Estado de memoria democrática en setembro "xa nos indicaba a idoneidade do edificio para recibir esta distinción"

PUBLICADA O

- Advertisement -

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reuniuse este xoves co alcalde de Lugo, Miguel Fernández, para comunicarlle que O Vello Cárcere será recoñecido como Lugar de Memoria Democrática, tal e como solicitou o ano pasado.

O responsable do Goberno en Galicia avanzou que a distinción sairá no Boletín Oficial do Estado no mes de maio e é produto do “magnífico traballo” que se realizou no proceso de rehabilitación das instalacións.

Así o comunicou durante unha visita ao antigo penal, acompañado da subdelegada, Olimpia López, na que contaron cunha guía que lles explicou a historia que acompaña a este edificio que foi cárcere durante a ditadura.

O alcalde lembrou que a visita que realizou o secretario de Estado de memoria democrática en setembro “xa nos indicaba a idoneidade do edificio para recibir esta distinción” e a mostrado a súa satisfacción polos resultados dun traballo realizado “con moito mimo”.

“Co labor de moita xente conseguimos transformar un lugar de morte, dor e sufrimento noutro de cultura, democracia e liberdade”, subliñou Fernández.

A continuación, lembrou que este edificio foi concibido como cárcere modelo, ao ser a primeira que utilizou celas individuais e tivo servizo de escola, pero que acabou albergando numerosos presos políticos, cun gran problema de hacinamiento, na época da guerra e a posterior ditadura.

Este recoñecemento suporá para o Concello de Lugo un apoio económico e técnico para continuar cos labores de divulgación o pasado histórico deste centro, ademais de poder acoller as exposicións que ten o Departamento de Memoria Democrática do Estado e que percorren toda a península, tal e como concluíu.

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno definiu este avance como “un paso decisivo” e asegurou que a declaración representa “un acto de xustiza, de reparación e de dignidade”, á vez que reafirma o compromiso das institucións coa memoria das vítimas da represión.

Neste contexto, lembrou que “tanto O Pazo de Meirás, as Illas de San Simón e San Antón como a cidade de Ferrol son lugares que merecen esta distinción”.

O delegado tamén destacou “o respecto absoluto do Ministerio ao valor histórico deste espazo de represión política e á súa función actual como lugar de difusión de valores democráticos”, subliñando que estas características o converten “nun exemplo paradigmático deste recoñecemento”.

Na súa intervención, incidiu no papel histórico do lugar, ao ser un dos principais centros de represión en Galicia durante a Guerra Civil e a posguerra, polo que pasaron ao redor de 5.000 persoas entre 1936 e 1940.

Segundo indicou, nel vivíronse “situacións de extrema dureza, con persecución, torturas e condicións inhumanas”, polo que considerou fundamental preservar esta memoria e transmitila ás novas xeracións “para explicar o que ocorreu, evitar que se banalice e impedir que caia no esquecemento”.

Durante o acto, o delegado fixo fincapé na cooperación co Concello de Lugo e destacou o labor do alcalde, Miguel Fernández, sinalando que “cando hai diálogo e cooperación, os proxectos avanzan”.

Ademais, situou este anuncio dentro dos compromisos do Goberno coa cidade, facendo referencia a actuacións como os 9 millóns de euros destinados á nova comisaría da Policía Nacional, os avances na intermodal -que será unha realidade este mesmo ano- ou a mellora das conexións ferroviarias que permitirán viaxar á capital no mesmo día.

“Neste tempo estamos a sacar dun caixón cuestiones fundamentais para Lugo e materializando proxectos que levaban anos parados”, afirmou, engadindo que o impulso á memoria democrática forma parte destes avances.

“Proxectos que non ocorren por casualidade, suceden porque hai un Goberno e un Concello que traballan polo mellor para esta cidade”, concluíu, destacando “unha forma de facer política discreta, sen facer ruído, constante e que dá resultados”.

O PENAL

Inaugurada a finais do século XIX, a antiga prisión foi escenario da represión durante a Guerra Civil e a ditadura franquista. Entre os seus muros estiveron encarceradas numerosas persoas por motivos políticos, como o doutor Rafael de Vega, e moitas delas condenadas a longas penas ou mesmo á morte, como lle pasou a esta figura histórica, que foi fusilado preto do penal. Convertida en símbolo de represión e silencio, o cárcere forma parte da memoria colectiva de Lugo e de Galicia.

Tras un proceso de rehabilitación impulsado polo Concello, o edificio recuperou o seu valor patrimonial e arquitectónico e actualmente funciona como centro cultural aberto á cidadanía, acollendo exposicións, actividades sociais e programas de divulgación que, como explica o ente municipal, “fomentan a reflexión crítica sobre o pasado e a defensa da democracia”.

+ posts

ÚLTIMAS

O poemario “Agora, eu cariota” preséntase no Club de Lectura de Lugo

A presentación do poemario "Agora, eu cariota" no Vello Cárcere de Lugo contará coa...

O PP reunirase a semana que vén con Vilalba Aberta e BNG para buscar “un goberno alternativo”

O Partido Popular manterá a vindeira semana encontros con Vilalba Aberta e BNG a...

O acusado polo atropelo do ancián de Abadín declarará o luns, mentres continúa a procura do corpo

Axentes da Garda Civil e especialistas de distintas materias continúan buscando restos do cadáver...

O PP de Lugo non participará nos actos de feminismo e humor “mentres PSOE e BNG sigan branqueando a José Tomé”

Os deputados do Grupo Provincial Popular anunciaron hoxe que non participarán dos actos programados...