Axentes da Policía Local de Lugo detiveron a un home como presunto autor dun delito de violencia de xénero, por unha suposta agresión á súa parella nun domicilio da cidade.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada do pasado sábado, cando a sala do 092 recibiu unha chamada dunha muller que manifestaba que fora golpeada pola súa parella.
Unha dotación desprazouse ao lugar e entrevistouse con ambos os implicados, mantendo a muller que fora golpeada polo home e que presentaba lesións nunha man, polo que foi trasladada a un centro médico e logo de volta ao seu domicilio (xa que manifestou que ela mesma iría a dependencias policiais pola súa conta). Mentres, o home foi detido por un presunto delito de violencia de xénero.
