O centro asociado da UNED en Lugo pechou o segundo prazo de matrícula do curso académico 2025-2026 cun total de 1.245 estudantes, o que supón un récord histórico de alumnado no centro e un crecemento do 12,5% con respecto ao curso pasado.
A cifra representa un incremento do 9,7 % respecto ao primeiro prazo de matrícula, aberto en setembro, cando se rexistraran 1.135 estudantes. O aumento confirma a tendencia positiva do centro lucense, que continúa consolidando o seu crecemento dentro da rede de centros asociados da UNED. No conxunto dos centros analizados, o número total de estudantes matriculados pasou de 24.039 no primeiro prazo a 26.030 no segundo, o que supón un incremento global do 8,3 %.
ALTO INTERESE NOS ÚLTIMOS ANOS
Os datos de evolución da matrícula neste centro da UNED reflicten un crecemento sostido nos últimos anos que fan posible chegar a este dato, o mellor ata o de agora. Comparando coa cifra de 2019, o número de estudantes medrou arredor dun 25 %, o que confirma o fortalecemento progresivo do centro asociado de Lugo.
A UNED en Lugo continúa ofrecendo graos universitarios, mestrados oficiais, cursos de acceso á universidade e programas de formación permanente, unha oferta que permite compatibilizar os estudos coa actividade profesional e persoal e que facilita o acceso á educación superior a estudantes de toda a provincia.
