A xunta de goberno local do Concello de Lugo aprobou este mércores as bases reguladoras do Premio de Deseño Gráfico Arde Lucus 2026, un certame impulsado desde a área de Xuventude para elixir a imaxe da próxima edición da festa de recreación histórica, que en 2026 celebrará a súa XXV aniversario.
O concurso contará cun premio único de 1.900 euros, con cargo ao orzamento municipal, e o deseño gañador converterase no cartel oficial do Arde Lucus 2026. Poderá participar calquera persoa interesada, presentando obras en formato A3 e con técnica libre, sen límite de propostas, sempre que se trate de traballos orixinais, inéditos e de autoría propia.
Así o trasladou tras a sesión da xunta de goberno a portavoz socialista, Ana González Abelleira. Destacou que “este concurso supón unha oportunidade para que creadoras e creadores deixen a súa pegada nunha festa con proxección internacional e cunha identidade moi definida” e subliñou que o cartel seleccionado deberá “transmitir a esencia do Arde Lucus e o valor simbólico dunha edición tan especial como a do vixésimo quinto aniversario”.
As bases establecen que os deseños deberán reflectir o espírito da festa, pondo o acento na reconstrución histórica e no regreso da cidade ás súas orixes, coa representación obrigatoria do mundo romano e castrexo. A cor vermella deberá ser o predominante e o cartel terá que incluír o texto Arde Lucus MMXXVI, a mención a Festa de Interese Turístico Internacional, a páxina web www.ardelucus.com e as datas de celebración, fixadas para os días 18, 19, 20 e 21 de xuño.
Como elemento específico desta edición conmemorativa, as propostas deberán incorporar de maneira obrigatoria a lenda ‘ANNVS ARGENTEVS’, en referencia ao aniversario de prata do Arde Lucus.
O prazo de presentación dos traballos abrirase ao día seguinte da publicación oficial do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e permanecerá aberto ata o 27 de marzo. As obras deberán presentarse de forma anónima no Rexistro Xeral do Concello de Lugo, de acordo co establecido nas bases.
Unha vez pechado o período de admisión, os traballos presentados exporanse durante un mes na Casa da Xuventude. A elección do cartel gañador corresponderá a un xurado especializado, integrado por profesionais do ámbito da ilustración, o deseño gráfico, a cultura, o mundo académico e o patrimonio, que valorará aspectos como a composición estética, a creatividade, a claridade da mensaxe visual e a calidade dos acabados. O fallo do concurso farase público o 9 de abril, ás 13.00 horas.
ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES
No apartado educativo hase cordado a rescisión do contrato coa empresa encargada das actividades extraescolares, tal e como detallou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo. Esta empresa, á que se acusou de infrinxir as normas establecidas polo Concello, deberá pagar unha multa de 3.000 euros. Esta decisión tomouse despois das denuncias realizadas por parte dos pais nalgún dos centros educativos da cidade.
Ademais, na xunta de goberno aprobáronse outras medidas, como a designación de tribunais para tres procesos de contratación do plan de 2023, arquitecto teórico, oficial vixiante recadador e cociñeiro. Tamén se deu luz verde a outras dúas de profesional sepulturero por promoción interna.
No mesmo orde de cousas, aprobouse a prórroga por un ano do contrato para o mantemento de instalacións deportivas a Serlucus SL, que ten desde 2023, por un valor de 100.000 euros anuais.
