InicioLugo e contornaLugoA Deputación de Lugo destaca o investimento na Avenida Infanta Elena: "Abrimos...

A Deputación de Lugo destaca o investimento na Avenida Infanta Elena: “Abrimos Lugo”

A presidenta da Deputación de Lugo felicitou ao alcalde polo modelo de cidade que está a impulsar o goberno local, baseado nun "Lugo aberto, accesible e cómodo para a cidadanía"

PUBLICADA O

- Advertisement -

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, comprobaron este venres o resultado das obras de renovación e humanización da Avenida Infanta Elena na cidade, unha actuación na que a institución provincial investiu un total de 2,4 millóns de euros, nunha vía que soporta un tráfico diario aproximado de 9.000 vehículos.

Durante a visita, Carmela López subliñou a importancia da mobilidade como elemento crave para o desenvolvemento dos municipios, destacando que máis do 21% dos recursos provinciais, un total de 27 millóns de euros este ano, destínanse a este ámbito.

A presidenta felicitou ao alcalde polo modelo de cidade que está a impulsar o goberno local, baseado nun “Lugo aberto, accesible e cómodo para a cidadanía”. Neste sentido, sinalou que a actuación na Avenida Infanta Elena contribúe a avanzar nese proxecto municipal, dotando á cidade dunha entrada acorde ao elevado fluxo de tráfico e á relevancia desta vía, principal acceso á zona norte da capital e eixo dunha intensa actividade comercial e industrial. “É desas obras que parece incrible que non estivesen feitas desde hai moito tempo”, comentou a presidenta.

Estas obras ían ser oficialmente inauguradas a principios do mes de decembro pero, aínda que a rúa abriuse igualmente, a visita institucional aprazouse tras o cambio na presidencia da Deputación. Este foi un dos grandes proxectos do anterior presidente provincial, José Tomé, dentro do Plan de Estradas que presentou no mes de xaneiro de 2025, pero non chegou a inauguralo porque se terminou días despois da súa apresurada renuncia (tras as denuncias por suposto acoso sexual).

Carmela López e Miguel Fernández percorreron este venres parte da infraestrutura no último tramo acondicionado, entre a glorieta de Garaballa e a de Benigno Rivera, que era o segmento pendente para completar o desdobramento total da vía.

UNHA ACTUACIÓN QUE COMPLETA 2,7 KMS DE LONXITUDE DE VÍA

As obras executadas pola Deputación entre as glorietas de Garaballa e Benigno Rivera afectaron os últimos 456 metros da avenida e completan a rehabilitación integral dos 2,7 quilómetros de lonxitude total desta vía.

Neste tramo final investíronse 1,3 millóns de euros para habilitar dúas calzadas de 10,25 metros de ancho cada unha, con tres carrís de circulación por sentido. Na marxe dereita acondicionouse un carril bici de tres metros de ancho e, en ambos os lados, beirarrúas de 4,05 metros, dotadas de arboledo, iluminación, bancos e papeleiras. Así mesmo, renováronse e ampliaron as redes de abastecemento, saneamento e iluminación pública, co obxectivo de dar servizo a futuros crecementos urbanos.

Pola súa banda, o alcalde Miguel Fernández destacou que esta intervención supón un avance significativo no modelo de cidade que defende o goberno municipal, un Lugo máis aberto e con maior espazo público para a cidadanía. Así mesmo, referiuse tamén á importancia desta vía “porque une a cidade cos polígonos industriais e coa A-6” e permite “gañar en comodidade e seguridade e mesmo en presenza e imaxe”.

O rexedor agradeceu o compromiso e o esforzo investidor da Deputación para levar a cabo a ampliación deste acceso á cidade, así como a mellora da seguridade tanto do tráfico rodado como do tránsito peonil. Segundo sinalou, o cambio experimentado nesta entrada a Lugo foi moi importante, dando lugar a unha vía máis ampla, segura, mellor iluminada e con novo mobiliario urbano, que ademais beneficia a unha zona de gran peso comercial e industrial. Igualmente, puxo esta obra como exemplo “de colaboración das institucións”.

Carmela López lembrou que, dentro do compromiso da Deputación coa mellora da mobilidade, atópanse en proceso de contratación as obras do primeiro tramo da avenida Adolfo Suárez, correspondente ao acceso a Lugo pola Fervedoira, unha entrada estratéxica de face á futura estación intermodal, que poderá conectarse directamente coa A-6.

NON HABERÁ CORTE DE TRÁFICO INMINENTE EN CONDE FONTAO E RUA ALTA

Tamén sobre a nova estación de Lugo, o alcalde descartou a idea de que se pechen de forma inminente para o seu arranxo a praza Conde Fontao e a Rúa Alta, afectadas ambas as polas obras, xa que estas teñen que avanzar máis antes de que se actúe sobre estas vías.

Aínda que asegurou que os traballos na futura estación avanzan “a un ritmo espectacular” e que a previsión é que en “moi poucos meses” estea terminada, apuntou que “é probable que nun curto período de tempo teña que facerse esa reparación”, o que implicará o peche desta vía, que conserva o empedrado orixinal e que foi parcheada en varias ocasións durante as obras.

Tanto a antiga praza como a rúa son viarias de vital importancia para o tráfico da zona actualmente, polo que o peche da mesma para a súa rehabilitación podería causar un trastorno importante na zona, que soporta un elevado volume de tráfico.

Miguel Fernández asegurou que “se buscarán alternativas para o tráfico, tentando molestar o menos posible” e explicou que Adif e o gabinete de tráfico terán que acordar unha solución. “E se é necesario o corte, farase durante o tempo máis curto posible”, engadiu.

+ posts

ÚLTIMAS

CC.OO. reclama máis seguridade tras a morte de dous operarios na A-8 nunha concentración en Lugo

Preto dun centenar de persoas participaron este venres nunha concentración diante da Demarcación de...

A neve volta a Lugo por riba dos 700 metros

A Agencia Estatal de Meteorología (AEMET) activou un aviso amarelo por neve tanto na...

Congreso de xerontoloxía e xeriatría no Pazo de San Marcos no mes de maio

O Pazo de San Marcos acollerá o 22 e 23 de maio a 26...

A Deputación inviste case 2.5 millóns de euros na mellora de estradas provinciais

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou investimentos por case 2,5M€ para...