Os edís nacionalistas no Concello de Lugo, encabezados polo tenente de alcalde Rubén Arroxo, e as parlamentarias Montse Valcárcel e Olalla Rodil, achegáronse este luns á Rúa do Moucho para supervisar o estado da muralla no punto onde se produciu un derrube o pasado sábado pola noite, unha parte do paramento interior, que non forma parte da obra orixinal, senón dunha restauración realizada na década dos anos 20.
Rubén Arroxo anunciou a total dispoñibilidade do Concello para colaborar nos traballos de restauración, “para que se poida dar a máxima axilidade a esta actuación, xa que a muralla de Lugo é o noso gran monumento e a súa restauración ten que ser prioritaria”.
O tenente de alcalde de Lugo, ademais, reclamou que “non se está facendo todo o que se debería facer” no coidado do monumento. E puxo como exemplo o feito de que este ano non se fixese a limpeza da vexetación, necesaria para protexer a estabilidade da estrutura.
Tamén criticou a lentitude da reparación das luminarias, “algo que xa vimos que pasaba durante a celebración do 25 aniversario”.
Pola súa banda, Olalla Rodil anunciou que levarán iniciativas ao Parlamento nas que pedirán que estes traballos se doten da os “recursos necesarios para actuar con prontitude, na medida que permita a choiva”, insistindo en que “a muralla ten que ser unha acción prioritaria”.
“Debemos estar moi vixiantes para que se dote de todos os recursos que sexan necesarios a estes traballos para que poidan facerse coa máxima celeridade”, explicou. Referiuse, por tanto, á necesidade de facer un seguimento aos traballos do Plan Director da propia Muralla, “eses traballos de mantemento que se realizan todo o ano, para que a muralla poida soportar o azoute das treboadas con seguridade e que non se están cumprindo”, engadiu.
UNHA PRIMEIRA ESTIMACIÓN DE DÚAS A TRES MESES DE TRABALLO
Os técnicos que traballan sobre o lugar iniciaron os traballos de rebo e estabilización, reservando as pedras orixinais para posteriormente realizar a reconstrución, tal e como anunciara o domingo o conselleiro de Cultura, José López Campos.
A zona afectada xa está valada, e as pedras que se van a utilizar na reconstrución apartadas, mentres se continúa estudando o punto do derrube para ver exactamente a causa do mesmo. Os traballos que se están realizando terán unha duración estimada de 2 ou 3 meses, segundo anunciou Ignacio López de Rego, arquitecto responsable do plan director da muralla.
Este dato é unha primeira estimación ata que se coñeza o que esconde o interior do paramento e a necesidade que podería haber de conservar o atopado.
