O Concello de Lugo realizou este venres un chamamento á cidadanía para que evite achegarse ás zonas inundables próximas aos ríos e non asuma “riscos innecesarios”, ante a evolución dos niveis do río Miño ao seu paso pola cidade.
Segundo informaron fontes municipais, o centro de control da Confederación Hidrográfica Miño-Sil comunicou que a estación do Sistema Automático de Información Hidrolóxica (SAIH) N001, situada no Miño en Lugo, está a rexistrar valores que superan o limiar de prealerta, correspondente ao nivel laranxa. A evolución destes datos, indicaron, fai previsible a aparición de situacións significativas de crecida.
TRAMO DESACONSELLADO AO TRÁFICO PEONIL
Á vista desta información, a área municipal de Transición Ecolóxica trasladou a recomendación de non circular a pé polo tramo do Paseo do Miño comprendido entre o Balneario de Lugo e o restaurante O Muíño, unha zona especialmente exposta en episodios de aumento do caudal.
Desde o Concello lembran que estas medidas teñen carácter preventivo e buscan reducir posibles riscos para a seguridade das persoas, ao tempo que apelan á responsabilidade cidadá e ao seguimento das indicacións oficiais mentres se manteña a situación de prealerta.
