O Concello de Lugo aprobou na xunta de goberno local a licenza urbanística que permitirá a renovación total do estadio de fútbol Anxo Carro, un proxecto que conta cun orzamento por un valor de 2.654.000 euros. As obras consisten nunha renovación integral das bancadas, que permitirán ampliar o aforamento do estadio en 6.344 prazas, ademais de mellorar a accesibilidade e a creación de novos espazos como un ximnasio, vestiarios e zonas de hostalaría. Estas obras están previstas para unha duración de 12 meses e contan xa con todos os permisos, incluído Patrimonio, xa que o estadio está no ámbito do Camiño Primitivo.
A portavoz do Goberno, Ana González Abelleira, informou tamén de que Evislusa deu a orde para a demolición subsidiaria do último piso do edificio situado na avenida da Coruña, 24, unha operación que está pendente desde o ano 2017. “E que se fai para cumprir a normativa de construción”, explicou. O propietario do último piso desta vivenda quixo ampliar cun dúplex e acabou deixando as obras a medias, o que provocou que as vivendas dos pisos baixos sufrisen filtracións de auga. Agora, actuará de oficio o consistorio local nas próximas semanas “para cumprir coa normativa urbanística e garantir a convivencia e a seguridade dos residentes”.
Ademais, tamén se aprobou a adxudicación de patrimonios publicitarios para o Arde Lucus. Son un total de cinco contratos nas categorías Optio e Lexionario, e que corresponden a Calfensa Proxectos SL, Torre de Núñez, Halmar, Luís Villamide e o Centro Comercial As Termas, con achegas de entre 2.000 e 3.000 euros. “Temos que seguir apostando por esta colaboración público-privada para que as festas sigan tendo un rigor histórico”, explicou. Abelleira, que tamén puxo en valor o apoio que demostra o tecido empresarial da cidade “porque grazas a eles conseguimos ese dobre desenvolvemento económico e social que supón o Arde Lucus”.
PRAZA DE ABASTOS
Pola súa banda, o representante dos nacionalistas, o tenente alcalde Rubén Arroxo, anunciou a aprobación do procedemento de licitación para 22 postos na Praza de Abastos e no Mercado Municipal, “facilitando a instalación de novos proxectos nestas dúas instalacións de referencia para o comercio local”. Con este procedemento ocuparanse 15 postos na Praza para distintas actividades e sete postos no Mercado destinados todos a hostalaría e restauración. Estas instalacións contan en total con 81 postos na primeira e 32 no segundo. Todas as concesións terán unha duración de 25 anos e as persoas interesadas poderán presentar os seus proxectos nos 30 días posteriores á publicación do anuncio na plataforma de licitación.
Os criterios de adxudicación valorarán a capacidade de creación de emprego da proposta empresarial, ademais da actividade a desenvolver e do proxecto de negocio, xunto cos servizos de Atención ao Cliente, valorando se a nova actividade contará con servizo de entrega a domicilio, venda en liña ou pago con cartón. Os postos da Praza teñen unhas dimensións de entre 11,3 e 17 metros cadrados e un prezo de entre 148 e 200 euros ao mes. No Mercado, os tamaños están entre os 9 e 19 metros cadrados e teñen un importe de entre 119 e 150 euros ao mes.