O PP municipal de Lugo presentou este martes un proxecto construtivo para comunicar o barrio da estación co centro da cidade, salvando así os 27 metros de altura e os 400 de distancia que separan a nova estación Intermodal coa Muralla. A portavoz popular, Elena Candia, asegurou que “se trata dunha alternativa, viable e moderna, unha proposta pensada para as persoas, que aposta por un urbanismo útil, inclusivo e sen improvisacións”.
A intervención combina dous mecanismos diferentes. Primeiro, un elevador panorámico, con capacidade para 12 persoas, que se situaría nunha parcela entre os edificios das rúas Alta e Miguel de Cervantes, nas proximidades dunha das saídas da nova estación. Este permitirá salvar o primeiro desnivel de 8 metros.
A continuación, o proxecto deseña unha pasarela mecánica cuberta, estruturada en cinco tramos de aproximadamente 32 metros cada un, que discorrería paralela á fachada dereita do edificio multiusos da Xunta. En total, o percorrido tería unha lonxitude de 175 metros cunha pendente do 12% ou lixeiramente superior, “cumprindo cos criterios de accesibilidade universal”, sinalou Candia.
O PP estima un orzamento de 3,5 millóns de euros, que inclúe tanto a obtención do terreo como a execución completa da obra. Para a súa realización sería necesaria a expropiación de pequenas superficies situadas nas rúas Alta, Miguel de Cervantes, Rolda da Muralla e Castelao, pertencentes a cinco titulares, entre eles a propia administración autonómica.
“Este proxecto é un reflexo do modelo do urbanismo que queremos para Lugo: útil e centrado nas persoas”, dixo Candia, que tamén cre que desta forma integraríase “ de forma efectiva a nova estación co centro histórico e comercial da cidade, mellorando así a mobilidade e a calidade de vida da veciñanza dos barrios da Estación, Sacro Corazón e Paradai”.
Propoñen tamén os populares que a actuación se financie con fondos europeos, “dentro dos 20 millóns aos que opta a cidade para proxectos de rexeneración urbana, existe unha partida específica de 5,2 millóns de euros destinada a actuacións de accesibilidade, polo que esta proposta encaixa perfectamente nos criterios establecidos”.
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
Pola súa banda, o goberno local mostrou a súa sorpresa por esta proposta, que lembra que “xa forma parte do Plan de Actuación Integral Novo Norte, presentado publicamente o 13 de febreiro de 2025 e rexistrado tecnicamente desde maio de 2024 polos servizos municipais”.
Esta actuación, incluída no proxecto ‘LUCIDA’ (Lugo Cidade Integrada de Aproximación), prevé un sistema de mellora da accesibilidade que combina costas automáticas, ascensores e reordenación do espazo urbano entre a praza Conde Fontao e a rúa Miguel de Cervantes, e cunha costa mecanizada que une esta última vía coa Rolda da Muralla a través dunha parcela situada na rúa Castelao, “coincidindo na totalidade coa proposta que o grupo municipal do PP presentou este martes”.
Desde o goberno local consideran “positivo que outras forzas políticas interésense por mellorar a accesibilidade urbana, pero resulta sorprendente que se presente como unha nova proposta unha actuación que xa foi deseñada, avaliada e presentada publicamente fai tres meses e cuxa documentación técnica leva en proceso desde 2023”.
No seu momento, a exalcaldesa Paula Alvarellos presentou este proxecto, que contempla un investimento que supera os 5,4 millóns de euros, “cunha planificación xa en marcha e prazos definidos: 3 meses para a redacción do proxecto técnico e 18 meses de execución, unha vez concedida a subvención”.
“Nun momento no que Lugo aspira a captar fondos europeos para transformar de maneira real o espazo urbano, é importante recoñecer o traballo técnico e político xa desenvolvido. A cidade non precisa réplicas oportunistas, senón cooperación leal para alcanzar os obxectivos comúns”, explicou.