InicioLugo e contornaLugoDescobre os segredos mellor gardados dos murais á beira da Muralla

Descobre os segredos mellor gardados dos murais á beira da Muralla

Nesta primeira reportaxe centrámonos en dous expoñentes da arte urbana lucense: Diego As e Yoe 33 cos seus murais máis que recoñecidos, entre os mellores do mundo, o Julio César e Copora.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Desde o Galicia Confidencial iniciamos unha nova serie a modo de ruta por distintos puntos da xeografía galega para coñecer a arte urbana dos murais. Non son poucos e moitos son do máis coñecido aquí e en todo o mundo, pero iremos sabendo máis dos artistas que encheron de cor distintas fachadas de cidades ou vilas galegas. Isto comeza polo interior, pola cidade de Lugo, pero é só o comezo. Cada semana iremos descubrindo novos murais e artistas. Camiñar pola Muralla de Lugo xa é unha experiencia única con toda a historia que hai arredor deste Patrimonio da Humanidade. Porén, hai dous puntos destacados no paseo que xeran impacto no espectador que se sorprende inmediatamente. Dous murais que representan o pasado da cidade, por un lado, co poderío das lexións romanas que a invadiron para fundar Lucus Augusti e, por outro lado, co pobo oprimido dos castrexos. Un home e unha muller, un emperador romano e unha castrexa, ambos hexemónicos e en consonancia coa contorna. O Galicia Confidencial centra a primeira parte da ruta polos murais da Cidade de Lugo, na ronda da Muralla con Copora de Yoe33 e o Julio César de Diego As. 

“A AVOA DOS LUCENSES”. A COPORA DE YOE33

Yoe33 é o autor da coñecida castrexa que hai na ronda da Muralla, aínda que o seu nome é Copora e non Corpora, xa que provén dunha tribo do Lugo prerromano, a tribo dos Coporos. É un dos dez murais máis bonitos do mundo segundo a plataforma Street Art Cities no 2023.  Esta muller vai equipada con todo propio da época, como a fíbula ou o manto característico. “Na obra empreguei dúas tonalidades: unha de verdes e outra de marróns/ocres coa fin de que non tivera demasiada forza ao estar xunto a dous elementos de Patrimonio moi importantes da cidade, como son a muralla e a catedral. Cromáticamente queriamos que se integrara coa contorna. Está pintada ao 90% con pintura plástica e os restantes serían a spray para detalles de luces”, explica o artista. 

Nesta obra destaca a mirada de Copora, que ao ser “máis realista” tende a cautivar, aínda que hai xente que lle di ao autor que o bosque lles resulta moi atractivo, xa que é de “estilo impresionista”. Recoñece que o bosque foi moi divertido de pintar e que a Copora sería a “parte de rigor”, rexida polas proporcións, polas dimensións e o tipo de estilo pictórico. “A xente soe preguntarse como alguén tan pequeno pode conseguir algo de tales dimensións, xa que a cabeza de Copora é catro veces eu de altura, estás dentro dunhas dimensións desorbitadas e se non tomas as medidas adecuadas, é fácil que te perdas en canto a cores, por tramos,… Este tipo de obras son moi grandes e os trazados teñen que ser moi grandes, non podes quedar con detalles moi pequenos porque desde abaixo non se aprecian”, expón. 

O artista comenta que fixo unha interpretación, xa que non había ningunha muller desas características nin referencias. “Era o bando oprimido ante os romanos en Lugo, hai catro parágrafos, como quen di de información deles, onde se lles cataloga como salvaxes, prácticamente”, comenta. A modo de curiosidade, nun inicio quería facela con trazos máis rudos, pero cambiou de opinión. “Tiven unha pelexa persoal dentro da liberdade e considerei que se a cara xa era máis grotesca, non transmitía o mesmo, prefería que fose un pouco máis doce”, destaca. Unha vez a rematou sentiu satisfacción, pero fai fincapé en que lle gustan máis as súas obras co paso do tempo, cando as percibe como un espectador máis. Yoe33 é un autor ao que lle gusta crear mundos da nada, mundos ficticios, onde predominan os efectos das luces, as atmosferas… Defínese como “inquieto ou incomformista”, xa que fixo de todo: gravado, serigrafía, realización de televisión, pinta murais ou fai vídeos de animación. Despois de varios recoñecementos, establece: “Agora preocúpame máis a miña obra, que a fama que conleva, que xa é secundaria”. 

Copora como mural conta cunha conotación moi clara de auténtica guerreira lucense e a Yoe33 resúltalle “moi interesante” poder conectar con “esa raíz de Lugo e que todo lucense a vise como parte del”. Conclúe: “Hai un nexo de unión, ela é unha avoa dos lucense e aínda que lles guste máis ou menos o deseño ou o debuxo,está representada unha persoa que é antecesora deles”. 

“A OPORTUNIDADE DA MIÑA VIDA”. O JULIO CÉSAR DE DIEGO AS 

Antes de Copora, o artista Diego As realizou o primeiro mural á beira da Muralla romana coa figura imperial de Julio César. “Eu fixen un romano e era obvio que a xente ía querer tamén a representación castrexa, xa que hai que contentar a todos e considero que ambos son parte do pasado de Lugo e algo moi positivo. Yoe33 é compañeiro meu e xuntos facemos o proxecto Urban Cores”, conta Diego. Como peculiaridades deste mural destaca que o deseño é unha “fotografía de Julio César da imaxe da estatua que está no Louvre”. Inicialmente non tiña pensado realizar o fondo porque “ía quedar plano”, pero ao final botou un día salpicando e “facendo ruído nese fondo para crear unha trama”. Outro punto a ter en conta é que levou á imaxe orixinal  da estatua que tiña tons ocres a grises por unha cuestión de Patrimonio. 

No proceso de creación, Diego expón como é traballar con semellantes dimensións: “Ao final o que eu estou vendo desde a parede, de preto, non ten nada que ver co que se ve desde lonxe, traballas moito con manchas, con texturas para poder levalo a cabo”. O artista recoñece que o seu obxectivo é sorprender ao espectador que cando vas pola ronda da Muralla e de repente te atopas cunha figura tan grande e cunha sombra que semella sair da parede. De igual modo, “cando vas pola propia Muralla e lle ves o rostro á metade de peito para arriba e xa o descubres desde lonxe e vas vendo máis a medida que avanzas cara el”. 

“O que busco nas miñas pinturas é o impacto”, afirma Diego, que menciona outra obra que fixo na Pobra de San Xiao: “E unha homenaxe ao tren que marchou de aló fai 10 anos ou así e quixen homenaxear a ese home maquinista, ao xefe da estación, como cando se acabou o traballo colleu o último tren que pasou pola Pobra e marchou”. Tamén fóra de Galicia, destacou un mural “bastante grande e impactante”, en Gandía sobre San Francisco de Borja, cos dedos cortados e en escala de grises. Na propia cidade de Lugo ten máis murais recoñecidos como Fogar de Breogán, coa figura mitolóxica de Breogán e o león representativo do club de baloncesto lucense, loitando man a man. 

Actualmente Diego atópase en Puerto Rico facendo o proxecto ‘Miradas del barrio’, “son ollos de nenos nunha zona desfavorecida e buscamos que a xente que o vexa lle chegue e lle transmita algo especial”. Polo seu bo facer recibiu moitos recoñecementos como o de mellor mural do mundo polo Julio César segundo Street Art Cities no 2021. “Ilusión fan todos porque te sentes valorado polo que levamos facendo moitos anos atrás. Por fin en Lugo abriron os ollos e están normalizando os murais, algo que fai uns anos era impensable, eu veño do mundo do graffiti e era complicado, vían que traballabas cun bote e xa estabas clasificado directamente como gamberro ou vandalista“, expón Diego. A raíz diso, di que os premios e o sentir da xente valen para que o vexan con outros ollos, como “algo que forma parte da rúa e que non tes que ir a un museo para ver arte”.

O Julio César realizouno en escasos nove días “moi intentos”, de xornadas de dez ou doce horas cando a súa motivación estaba en altas doses. “Este mural nunha frase podería ser a oportunidade da miña vida”, conclúe. 

ÚLTIMAS

Tarxerta verde da UNESCO para o Xeoparque Montañas do Courel

O Xeoparque Montañas do Courel que comprende os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e...

O goberno de Lugo celebra o aval xudicial á demolición do Garañón

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, celebrou este mércores que as tres sentenzas que...

Lugo aproba inicialmente o novo plan de emerxencias municipal

O Executivo local aprobou inicialmente o novo plan de emerxencias municipal, un documento aberto...

Un operario resulta ferido tras ser atropelado por un camión nun tramo de obras da A-6 en Baralla

Un traballador do servizo de mantemento de estradas resultou ferido ao ser atropelado por...