InicioLugo e contornaLugoCoñecemos aos usuarios de Down Lugo que reivindican máis oportunidades laborais

Coñecemos aos usuarios de Down Lugo que reivindican máis oportunidades laborais

Polo Día Mundial da Síndrome de Down deste ano lanzouse a campaña #Extracapacitados para concienciar do formados que están e da falta de postos de emprego.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Hoxe, día 21 de marzo, é o Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebra nesta data pola trisomía do cromosoma 21, que é a causa máis común desta condición xenética. Polo tanto, 21/3 representa simbólicamente a triplicación deste comosóma 21. Nesta celebración búscase, ao igual que o resto de días do ano, concienciar á sociedade sobre as habilidades, capacidades e dereitos das persoas con síndrome de Down. Inclusión, diversidade, visibilidade e concienciación. Para este ano, Down España lanzou a campaña #Extracapacitados co obxectivo de reivindicar máis oportunidades de emprego para as persoas con síndrome de Down.

Segundo un informe de European Down Syndrome Association (EDSA), o 95% das persoas con síndrome de Down non consegue traballo. Porén, en Galicia, a través do programa de emprego con apoio, o ano pasado,en 2023, de 265 persoas que participaron, 205 obtiveron un contrato laboral. Este dato foi aportado por Sarai Lodeiro, coordinadora da área de formación laboral e emprego con apoio da Down Lugo. “É importante visibilizar este programa xa que existe moito descoñecemento nas empresas. Están máis habituados a saber da existencia de centros ocupacionais ou centros especiais de emprego para persoas con discapacidade, pero o feito de que persoas con síndrome de down poidan traballar en empresas “ordinarias”, resúltalles novidoso porque non o saben”, destaca Sarai. O Galicia Confidencial reuniuse en Down Lugo con diferentes usuarios para coñecer as súas historias, a metade deles teñen traballo. 

Sarai, a súa preparadora laboral, destaca que están “extracapacitados”, así como di a campaña, porque contan con ampla formación, con estudos adaptados a capacidades e gustos. Un dos puntos a destacar do programa de emprego con apoio é que facilitan á capacitación e adaptación das persoas con síndrome de Down na empresa. “Dos que fan prácticas, a gran maioría acaba en contrato”, afirma.

A IMPORTANCIA DO TRABALLO COMO VALOR SOCIAL

Sergio, Claudia e Alba teñen síndrome de Down e conseguiron traballo en Burger King, Equaltecnia e Decathlon, respectivamente. Porén, Marcos, Nazaret e Marta continúan na procura de emprego e estas dúas últimas preparan mentres as oposicións de Ordenanza. “Tanto o Estado como a Xunta fan convocatorias específicas de oposicións, xa que por lei un 2% de emprego público ten que ser para persoas con discapacidade intelectual. Preparamos o perfil de Ordenanza na asociación porque é o que máis convocan ambas institucións”, comenta Sarai. Fai fincapé en que tanto Nazaret como Marta teñen o hándicap engadido de ser de zonas pouco industrializadas ou cun sector servizos enfocado ao turismo, xa que son de Lourenzá e Viveiro, respectivamente. “No caso de Naza teno máis complicado, pola falta de transporte público que temos en Galicia, sobre todo en Lugo. Vive en Lourenzá e non ten como ir traballar a Foz ou Ribadeo pola súa conta”, expón. 

Como chegan estes mozos ás empresas? Sarai explica que na maior parte dos casos son eles os que contactan coas empresas, que descoñecen a parte de axudas, bonificacións ou incentivos empresarias, así como “selos de recoñecemento como empresas socialmente responsables”. Case todos estes usuarios fixeron prácticas nas oficinas de BBVA que ofrece a posibilidade de que “collan rodaxe”, pero segundo conta a coordinadora, non acaban en contratación. Entre as empresas que si contratan destacan as multinacionais. “Por cifras ao mellor teñen que contratar a persoas con discapacidade, xa que estarían obrigados por lei”, comenta e destaca que hai outras empresas a nivel local tamén concienciadas e que non estarían obrigadas a realizar o programa, como Equaltecnia. 

Segundo Down España, a media para atopar traballo en persoas con Síndrome de Down é de cinco anos. “Para eles é fustrante ver como familiares ou amigos de menos ou máis idade xa están traballando e eles con toda a formación e o esforzo, non atopan traballo”, lamenta Sarai. As súas xornadas laborais están adaptadas en horarios para un rendemento óptimo, xa que como di “non podemos esquecer que teñen discapacidade intelectual e como moito a media xornada sería o idóneo”. Polo xerla, as empresas ofrecen contratos máis flexibles para poder compaxinar o traballo con outras actividades da asociación. 

“Para eles o traballo, máis aló do aporte económico, é sentir que son parte da sociedade”. Sarai anima ás empresas a que proben o programa de emprego con apoio para descubrir que “non só aportan a nivel laboral, senón a nivel humano”. Conclúe reivindicando que a Constitución recolle que todos os españois, independentemente das circunstancias, teñen os mesmos dereitos e que o traballo é un deles: “Aínda queda moito por percorrer neste sentido”.

O AMPLO CURRÍCULO DESTES ‘EXTRACAPACITADOS’

Coñecemos a Sergio Villamarín, un mozo lucense de 26 anos. Estudou a FP Básica de Cociña e fixo prácticas como auxiliar no colexio Galén. “Agora mesmo teño un contrato indefinido no Burger King, onde traballo desde hai seis anos. Aló poño o ketchup e a mostaza, limpo as mesas, recollo bandexas para levar para a cociña, poño as servilletas… “, expón e revindica que poden traballar “ao igual que calquera” e que sempre tivo claro que quería ser cociñeiro. Os espaguetis con carne picada é o seu prato favorito. 

Claudia Barral naceu en Caracas, Venezuela e veu fai cinco anos para Lugo porque tiña aquí a súa irmá. Fixo un curso de Administración en COGAMI e prácticas en BBVA i en Equaltecnia. Xa tiña experiencia de oito anos en dous bancos en Venezuela. “Cando fixen as prácticas, fixenas ben, gustéilles e contratáronme. Trituro os papeis, arquivo os documentos por orde alfabético, por datas e dixitalización de documentos. Traballo de 9:30 a 11:30h”, comenta e destaca que tanto compañeiros como sexes trátana ben. “As empresas teñen moito medo ao contratar a persoas con síndrome de Down e nos tratamos de facelo o mellor posible no traballo. Non somos un monstro, somos persoas, maduras e adultas, temos que traballar para manter a casa e a nosa familia. E traballamos ben, é o normal. Teñen medo a dar un paso adiante a abrirse”, afirma Claudia. 

No caso de Marta Cabaleiro, ela aínda non atopou traballo, é de Viveiro e ten 33 anos. Fixo  o ciclo de Xestión Administrativa e sacou o graduado da ESO. “Fixen prácticas no Concello de Viveiro, en servizos sociais, no BBVA e no Arenal, pero traballar de momento, non”, lamenta e fai fincapé en que en Viveiro resulta un pouco difícil atopar traballo porque é pequeno. “Hai que seguir buscando porque eu quero traballar, pero mentres estou preparando as oposicións para Ordenanza. Teño ganas e estou preparada”, manifesta. Tampouco ten aínda traballo e tamén prepara esa oposición, Nazaret Barroso, de Lourenzá. Estudou  no IES de Foz a FP básica de Hostelería e fixo prácticas no bar Xiraldo. Ademáis, realizou dous cursos de informática e dependencia, con prácticas no BBVA e no Concello e centro de día de Lourenzá. “Agora estou facendo un curso de Administración de empresas na Universidade de Lugo e déronme prácticas en Pescados Rubén en Foz. Estou preparada para traballar e teño a formación e experiencia necesaria para que me contraten. Soamente traballei un mes nunha residencia e gustaríame conseguir un traballo na miña zona, Ribadeo ou Mondoñedo”, incide.

Quen ten experiencia traballando e moita é Alba Abuín, lucense de 34 anos que sacou o título da ESO en Albeiros. “Levo nove anos en Decathlon onde teño un contrato indefinido e descargo o camión, atendo aos clientes, recollo a roupa dos probadores, as devolucións, etiqueto a roupa de fin de temporada e gústame aportar de cara ao público, síntome cómoda e orgullosa de sentirme unha máis da tenda”, comenta. Para ela é un soño cumplido e demanda que é un dereito gañar un soldo e que empresas e institucións aporten máis axudas ou bolsas.  

O derradeiro ‘Extracapacitado’ que coñecemos é Marcos Cruz, é de Lugo e ten 26 anos. Realizou varios cursos de Adminstración e prácticas no BBVA, Xunta de Galicia, Leroy Merlín, farmacia Forján, Quirón Salud… “Pensei que nas prácticas de Leroy Merlín ou Quirón Salud podería saír un contrato para min, pero non tiven sorte. Considéronme un bo traballador e gustaríame ter a oportunidade de amosalo”, reivindica. Curiosamente, o que máis lle gusta é o sector audiovisual e o márketing e destaca que querría formarse máis niso: “En Down Lugo facemos vídeos curtos e eu son quen grava e monta, gústame facer entrevistas ou noticias para a páxina web”, comenta e di que é fan da película Campeones e do baloncesto. Ás empresas diríalles que sexan “máis abertas” e dean “máis oportunidades”.  

ÚLTIMAS

Volve a neve en plena primavera á provincia de Lugo este sábado

Varios puntos da provincia de Lugo rexistran nevadas na mañá deste sábado de finais...

O BNG propón destinar os 250 millóns de Altri a un plan para revitalizar as comarcas da Ulloa, Ulla e Arousa

A líder do BNG, Ana Pontón, propón que "os 250 millóns de euros que o...

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Rouban a anciáns en Palas de Rei mediante o método do abrazo cariñoso

A Garda Civil de Lugo alertou dun delito de furto co método do abrazo cariñoso tras o roubo...