InicioEconomíaLugo Sen Mordazas denuncia a coacción sobre as xentes da Tinería

Lugo Sen Mordazas denuncia a coacción sobre as xentes da Tinería

O colectivo denuncia que os empresarios presionan para aumentar o control social do histórico barrio lucense, criminalizando ás mulleres que ofrecen servizos sexuais

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Plataforma Lugo Sen Mordazas leva tres semanas realizando as asambleas na Tinería. Os seus integrantes queren mostrar o seu apoio ás xentes deste histórico barrio fronte aos intereses do empresariado local que, denuncian, está a coaccionar aos veciños e ao goberno local para aumentar o control social. A asociación rexeita a estratexia de endurecer o dereito administrativo sancionador, que outorgaría maior poder ao interés económico a costa de criminalizar ás mulleres que ofrecen servizos sexuais na contorna.

A Plataforma ten apenas meses de vida, e agrupa a 30 axentes sociais, culturais, políticos e sindicais. Dende a súa creación foi recollendo os testemuños das veciñas da Tinería sobre supostas presións de empresarios da zona para expulsar da zona ás traballadoras sexuais. Estas mulleres piden respecto e o cese destas argucias, defendendo o seu papel coma concidadás e parte activa do barrio. Son parte da comunidade –alegan–, atenden aos turistas que piden información e coidan dos animais abandonados, coma calquera outro veciño.

Nas entrevistas realizadas cos membros de Lugo Sen Mordazas, as mulleres deste colectivo negan que poidan perturbar á clientela dos comercios da Tinería, ou mesmo que entren nos diferentes negocios de restauración ou hospedaxe. Piden, do mesmo xeito que non andan na procura de quenes se aloxan no barrio, que cese a coacción sobre elas.

Así as cousas, dende a Plataforma censuran que os hostaleiros conformaran o Observatorio de Empresarios y Vecinos para la Seguridad Ciudadana, un grupo que tenta impulsar a aprobación da nova Ordenanza de Convivencia e Seguridade Cidadá. Foi precisamente o borrador desta norma a orixe da primeira asamblea contra a denominada Ordenanza Mordaza, da que solicitan a retirada. A favor de reforzar o réxime de sancións estarían o Partido Socialista, o Partido Popular e Ciudadanos. En contra pronunciáronse Alternativa Cidadá de Esquerdas, o Bloque Nacionalista Galego –ambos presentes na asamblea– e Lugonovo.

Segundo consta no borrador, a nova ordenanza podería implicar sancións de 750 a 3.000 euros por ofrecer servizos sexuais na rúa ou en vivendas particulares. A criminalización de colectivos en risco de exclusión social responde, din en Lugo Sen Mordazas, á “limpeza urxente” que se pretende realizar na Tinería, “unha fronte de odio e rexeitamento que fracture a convivencia”.

Na asamblea están convencidos de que a revitalización do barrio será imposible mentres as vivendas estean deficientemente rehabilitadas, como acontece dende hai un lustro. A prostitución non é delito, explican, e existe un debate ao respecto no cal nunca se escoita a voz das mulleres afectadas, no que debería tratarse as implicacións do traballo sexual e a natureza da explotación. Porén, a nova ordenanza non está adicada á protección deste colectivo –advirten–, senón á criminalización do mesmo co gallo da seguridade cidadá.

Posto que na redacción do borrador non se consultou aos diferentes axentes sociais, na Plataforma aseguran que a nova ordenanza contribuiría á vulneración de dereitos. Cualifican a situación de “pánico moral” e “medo irreal incentivado por grupos de poder” para sancionar ás mulleres que realizan traballos sexuais. Censuran, así mesmo, mesturar no debate a protección dos menores ante a prostitución. O único que se acadará é espallar os estigmas sociais.

De xeito resumido, Lugo Sen Mordazas considera que as presións na Tinería e o interés por desenvolver a nova ordenanza supoñen unha “gravísima vulneración do dereito á igualdade e á non discriminación”. Este grupo rexeita o uso dos estereotipos sobre as mulleres para a criminalización e eventual expulsión do barrio. “Unha deriva perigosa pola que estas mulleres terían que trasladarse a lugares con maior risco de impunidade para redes delictivas […], o que condenaría a moitas mulleres á explotación”.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Accidente en Guitiriz con tres vehículos implicados e un ferido

Varios vehículos víronse implicados este venres, pouco antes do seis da madrugada, nun accidente...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...