A Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra celebrou este mes o seu segundo aniversario. Esta iniciativa público-privada conseguiu aglutinar e pór dacordo a agricultores e fabricantes de pan sobre o que teñen que facer en común para valorizar o produto. Ángeles Romero, directora do axente, atendeu a este xornal para comentar os fitos e as perspectivas dun compoñente de tradición e calidade na gastronomía galega, algo moi de noso.
Cal é a finalidade da Cátedra?
Xorde como cátedra institucional, promovida polo grupo Da Cunha e a Universidade de Santiago de Compostela. É a primeira destas caracterísitcas no Campus Terra. Promove a docencia, a difusión e a investigación en todo o vencellado co pan e a materia prima, os cereais.
Como chega a realizarse este proxecto?
A idea xorde do propio Grupo Da Cunha, que é quen se achega á USC, que vén ao Campus de Lugo, e concretamente a ofrecerme a dirección desta Cátedra. Quería, dentro da filosofía desta empresa familiar, apostar pola calidade, o control e a trazabilidade, seguindo na liña de medrar a través do coñecemento. Faltáballes este departamento de I+D+i na empresa, de aí a iniciativa de contactar coa Universidade.
É habitual que as empresas galegas recorran á universidade pública?
Debería ser máis habitual. A empresa colabora estreitamente coas universidades de cara a proxectos de investigación, solucións puntuais en eidos determinados. Colaboran en proxectos conxuntos, contratos e convenios.
Pero unha cátedra institucional coma esta, ogallá houbese máis iniciativas así, porque supón un aporte económico anual para poder traballar nun tema. Non é un contrato no que frea o financiamento cando remata a investigación. Aquí, se ámbalas partes ven satisfactora a colaboración, permanece no tempo.
Acoden a vostede porque, entre outras cousas, é a responsable de Alimentación na Universidade.
Si, eles coñecían a miña traxectora. Son Catedrática de Tecnoloxía de Alimentos, e polas referencias eles viñeron con esa condición.
Por que Lugo? Por que Campus Terra?
A Cátedra entra moi ben con este Campus eminentemente agroalimentario. Temos investigadores que traballan dende todos os puntos de vista para pór en valor todo o que rodea o agro, a producción primaria, a transformación e o produto final. Coido que non podía estar noutro sitio que non fose o Campus Terra.
Cal é o papel desta universidade no eido da alimentación?
Ten que ser fundamental e penso que o está a ser. Temos titulacións totalmente vencelladas á alimentación, coma o Grado de Nutrición Humana e Dietética, o Máster en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxías Alimentarias, as titulacións de Industrias Agroalimentarias, Veterinaria –co seu papel crucial no control de alimentos–. É un papel indispensable no fomento e o estudo non xa dos alimentos, tamén da alimentación e a nutrición.
E na regulación do sector?
A Universidade participa na asociación máis importante da industria alimentaria, o Clúster Alimentario de Galicia, onde agora mesmo están uns 80 socios. A Universidade de Santiago, á que eu represento, é socia deste Clúster, e de aí xorden colaboracións coas empresas. Coñecen de primeira man que pode ofrecer a universidade, as tres de Galicia, aínda que quizais sexa a máis importante a de Santiago pola súa traxectoria e unha moi activa participación.
Cal é o balance destes dous anos de traballo na Cátedra?
Superou as expectativas. O balance é totalmente positivo. Estase a traballar no sector primero incentivando o cultivo de variedades de trigo galegas; agora mesmo hai xa na Comunidade máis de 1.000 hectáreas de trigo galego e a previsión é que en dous anos se triplique esa producción. Estase a incentivar a utilización de sistemas de rotación con colza e leguminosas coma o altramuz, un beneficio para a calidade dos trigos.
Tamén se traballa por poñer en valor o pan, conociendo o pan dende o punto de vista das súas característcas. Conseguiuse presentar unha carta de pans, para implicar tamén á restauración. Coido que o balance é superpositivo.
A que debe aspirar a longo prazo esta Cátedra?
Encantaríame poder implicar a todos os investigadores deste Campus, que noten que este proxecto da Cátedra do Pan e o Cereal é parte súa. Para producir os cereais temos que coñecer o solo, os tratamentos, como se comporta unha variedade determinada nunha zona determinada… unha chea de investigadores que asemade traballan en enfermidades, en economía, en historia.
Para min sería unha satisfacción que cada vez houbese máis investigadores implicados. E por suposto, gostaría de conseguir que o pan galego, aquí e fóra, volvera a ter o seu lugar protagonista, porque estase a descoidar. Que cando se fale de pan galego, se fale de que é o primeiro pan totalmente controlado: que cando imos a un restaurante, sabemos o que comemos, de onde vén ese pan. Transparencia total e valorizar a producción primaria dun producto tan noso coma é o pan.
A Cátedra do Pan ten que ser o paraugas de todos os actores que rodean ao pan e a producción primaria, todo o mundo ten cabida aquí.
Conseguiuse mobilizar aos agricultores, conseguindo que o abandono do agro sexa o menor posible, recobrando pezas abandonadas. Tentamos que o agricultor vexa potencial nisto, que o panadeiro vexa que hai quen tira deles, e que o vencella á restauración e ao consumidor. É unha realidade e así o manifestan.
Da Cunha inviste unha cantidade de cartos para que se investigue e se difunda o pan e o cultivo dos cereais, pero a Cátedra ten liberdade para colaborar con quen queira. Son fondos para promocionar o sector primario e de transformación. Os propios panadeiros o entenden e non o ven coma competencia, senón coma unha oportunidade. Conseguir iso a min éncheme de satisfacción.