A alcaldesa lucense, Lara Méndez, convida a veciñanza da zona da Garaballa a unha reunión informativa sobre o barrio multiecolóxico que se prevé levantar nesa zona do norte da cidade. O obxectivo é explicarlles aos cidadáns como será este futuro barrio, proxectado en base a un modelo sostible pioneiro en España.
A xuntanza terá lugar no CEI Nodus este xoves 9 de xaneiro, ás 19.00 horas. Ademais de Lara Méndez, tamén estarán presentes o concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, e representantes da empresa que está a desenvolver as bases da planificación do barrio, a UTE Avento-Proy.
O novo barrio, que se levantará en dous sectores da Garaballa, enmárcase no programa LIFE impulsado polo Concello. A idea que persegue, segundo o goberno local, é a de desenvolver unha ‘aldea urbana’ que proporcione á veciñanza un abano amplo de servizos no barrio: vivenda, transporte, instalacións e zonas recreativas e comunitarias, espazos públicos e pequenos comercios. Aseguran que iso garantiría a inclusión e a equidade social e interxeracional, ademais de promover a saúde e o benestar dos cidadáns.
MOITAS ZONAS VERDES E REUTILIZACIÓN DA AUGA DA CHOIVA
Por outra parte, xa anunciaran que as zonas verdes e espazos libres previstos, de 147.000 m², suporán cinco veces máis da superficie fixada no PXOM. Do mesmo xeito, a superficie destinada a equipamentos, de 30.000 m², duplica o previsto no Plan Xeral.
Á súa vez, o Concello contempla plans de recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo, no rego das zonas verdes. Tamén, contan con implantar un sistema propio de reutilización da fracción orgánica do lixo.
EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS VIVENDAS
Tamén as propias edificacións deben seguir uns parámetros concretos. Esixirase que presenten uns criterios bioclimáticos e de eficiencia enerxética dende o mesmo momento do seu deseño. Así mesmo, levaranse a cabo medidas para a xeración de enerxía renovable, o fomento da mobilidade sostible, o uso de materiais e tecnoloxías limpas e o aforro enerxético, orientando os viais, zonas verdes ou edificios para aproveitar o sol e os ventos dominantes.
Con todo isto, o Concello tenta situar Lugo como un referente europeo na loita contra o cambio climático en contornas urbanas e no aproveitamento dos recursos naturais nos modelos produtivos.