InicioLugo e contornaLugoEscapadas galegas: os infinitos parques da cidade de Lugo

Escapadas galegas: os infinitos parques da cidade de Lugo

Cando imos a Londres non nos perdemos as visitas a Hyde Park, Green Park, St. James Park... todos eles son considerados recursos turísticos e recreativos de primeira liña. Máis pretiño que as illas británicas, na vella capital da Gallaecia, contamos cunha inmensidade de parques digna de ser considerada nos rankings mundiais. E se nos perdemos polos parques de Lugo?

PUBLICADA O

- Advertisement -

É difícil contabilizar os parques da cidade: moitos estan subdivididos, outros son anónimos, outros debátense entre as figuras de parque ou xardín, outros entre as figuras de parque ou bosque, outros entre parque ou paseo fluvial…  pero o que si é seguro é que unha vida non chega para coñecer a fondo a cantidade de parques lucenses.

Entón… por onde comezamos? Semella que aí non hai moito lugar a discusión… o parque dos parques lucenses, o máis popular, onde máis persoas namoraron, onde máis persoas fixeron as mellores fotos das súas vidas… é o Parque Rosalía de Castro.

PARQUE ROSALÍA DE CASTRO E COSTAS DO PARQUE

O parque Rosalía é o primeiro gran parque da historia de Lugo. Sitúase entre o barrio de Recatelo, a Cidade Escolar, Magoi e o barrio do Carme. Non é calquera cousa, xa que tanto o parque coma a súa contorna son lugares de inmensa historia… non esquezamos que Recatelo xa era barrio na época romana (a construción da Muralla o cortou) é que nas inmediacións do Parque Rosalía se atoparon nos anos 90 importantes vestixios arqueolóxicos de época castrexa e posteriores.

Preciosas luces e cores na noite do Rosalía (Guido Álvarez Parga)
Preciosas luces e cores na noite do Rosalía (Guido Álvarez Parga)

As primeiras construcións do parque propiamente dito datan dos anos 1909-1912, a zona verde comezou a construirse no ano 1925 (imos camiño do centenario) e a apertura definitiva (co deseño de Eloy Maquieira) data de mediados do século XX.

Cando visitamos o Rosalía non podemos perdernos o busto á poetisa que dá nome o parque (preto da entrada principal), o palco da música (unha das zonas máis fotoxénicas), o miradoiro con vistas ó val do Miño, a fonte central, o pombal cun mapa da Península Ibérica en relevo ou o estanque de aves acuáticas. Por suposto, todo isto, acompañado da enorme variedade arbórea, arbustiva, floral, vexetal e natural en xeral.

Continuando o paseo tocaríanos baixar polas costas do parque, ben coñecidas polos foráneos durante as Festas do San Froilán, e que son probablemente unha das zonas de Lugo cunha maior riqueza visual. Ese descenso ó Miño debería ser Patrimonio da Humanidade…

Escultura da águia nas Costas do Parque (Guido Álvarez Parga)
Escultura da águia nas Costas do Parque (Guido Álvarez Parga)

A escultura da aguia sobre unha das rochas do inicio das costas, o anfiteatro da Estrela, o ximnasio ó aire libre (Street Workout), o miradoiro cara o Miño e a Ponte Romana (ó lado do parking de autocaravanas), e por suposto o vello pavillón Municipal (monumento do deporte lucense) son algúns dos lugares imperdibles a visitar nas Costas do Parque.

PARQUE MARCOS CELA E XARDÍNS DA VOLTA DA VIÑA

Estes dous espazos son dos grandes descoñecidos de Lugo. Moitos lucenses aínda nunca os pisaron, e o que se perden… Estes espazos verdes intermedios entre as Costas do Parque e o río Miño son unha verdadeira gozada ben aproveitada polos veciños da zona… e que moi probablemente serán, ca apertura do Novo Auditorio de Magoi, uns dos lugares verdes con máis movemento en Lugo.

Parque Marcos Cela e vistas cara o Miño (Guido Álvarez Parga)
Parque Marcos Cela e vistas cara o Miño (Guido Álvarez Parga)

O miradoiro de madeira con amplas vistas ó Miño, a fonte de pedra dos xardíns da Volta da Viña, ou o memorial a Marcos Cela (con poema de Lois Diéguez) son algúns dos lugares sinalados a visitar.

Miradoiro da Volta da Viña (Guido Álvarez Parga)
Miradoiro da Volta da Viña (Guido Álvarez Parga)

PARQUE DA MILAGROSA

Se o Parque Rosalía é o primeiro parque en popularidade, non hai dúbida de que o da Milagrosa é o segundo no ranking. Corazón verde do barrio máis poboado de Lugo, probablemente sexa o espazo vexetal máis transitado da cidade. A multiculturalidade instrínseca á zona nas últimas décadas é un dos grandes atractivos do seu ambiente, así coma a forte presenza de arte urbana nos seus edificios (especialmente no skatepark), o imperdible e precioso MIHL (Museo Interactivo da Historia de Lugo), a biblioteca municipal, ou a cidade deportiva de Frigsa.

O MIHL (Museo Interactivo da Historia de Lugo), no Parque da Milagrosa (Guido Álvarez Parga)
O MIHL (Museo Interactivo da Historia de Lugo), no Parque da Milagrosa (Guido Álvarez Parga)

PARQUE DE PARADAI

Todo o barrio de Paradai ten o gran atractivo de ser unha zona moi pintada polos artistas de rúa como os compoñentes de Otro Prisma ou Concepto Circo… unha fermosa transición (con homenaxes a Steve Urkel ou a Doc Emett Brown, ou as marabillosas creacións do CEIP) entre o Parque da Milagrosa e o parque que leva o nome do barrio.

Homenaxe ós nenos dos 80 e 90 no barrio de Paradai. Obra de Diego AS (Otro Prisma)
Homenaxe ós nenos dos 80 e 90 no barrio de Paradai. Obra de Diego AS (Otro Prisma)

Esta zona verde é un espazo gañado pola cidade nos últimos anos, nos que se adecentou enormemente, e nos que se potenciou ese fermoso recurso hídrico que é o famoso río que nace moi pretiño de aquí… o Rato.

O río Rato ó seu paso polo Parque de Paradai (Guido Álvarez Parga)
O río Rato ó seu paso polo Parque de Paradai (Guido Álvarez Parga)

PARQUE DO SAGRADO CORAZÓN

O barrio máis baloncestístico de Lugo (co club onde naceu a lenda de Devin Wright, entre outras) conta tamén cun dos parques de visita obrigada neste roteiro. Dalle continuidade ó parque de Paradai e o conecta á gran senda do río Rato en unión posterior co Miño… o gran paseo verde que circunvala á cidade. É o parque do Sagrado un bo lugar para xogar cos nenos, para facer deporte, ou para fantasear ca chegada, algún día, de trens decentes a Lugo (é o barrio da estación).

O río Rato ó seu paso polo Sagrado Corazón (Guido Álvarez Parga)
O río Rato ó seu paso polo Sagrado Corazón (Guido Álvarez Parga)

PARQUE DOS PAXARIÑOS

O gran proxecto de zona verde para o barrio de Sanxillao e das Fontiñas aínda ten que seguir evolucionando, pero de momento é unha fermosa conexión verde entre esta transitada arteria da cidade e un dos paseos máis bonitos dela… o do Rato.  É un marabilloso miradoiro cara a Ponte da Chanca, un dos símbolos da modernidade lucense, esa ponte que entre o 1871 e o 1874 lle trouxo a Lugo o seu primeiro tren.

Un dos lugares máis simbólicos do Parque dos Paxariños (Guido Álvarez Parga)
Un dos lugares máis simbólicos do Parque dos Paxariños (Guido Álvarez Parga)

PARQUES FLUVIAIS, BOSQUES, XARDÍNS, SOUTOS E INCLASIFICABLES

A toda esta rede de parques oficiais e indiscutibles, podemos sumarlle innumerables espazos verdes que son os que multiplican ese infinito natural da cidade…

Os bosques de Montirón (Guido Álvarez Parga)
Os bosques de Montirón (Guido Álvarez Parga)

Os paseos/parques do Miño, do Rato, do Fervedoira, do Mera… áreas verdes e recreativas como A Tolda, A Chanca, As Saamasas… bosques/soutos/carballeiras coma os de Montirón, Fingoi, Campos Novos… xardíns coma os de San Roque ou os da Deputación… barrios ecolóxicos coma O Carme, A Ponte, Albeiros, A Garaballa, Galegos

O Regueiro das Hortas, marabilla histórica e natural do barrio do Carme (Guido Álvarez Parga)
O Regueiro das Hortas, marabilla histórica e natural do barrio do Carme (Guido Álvarez Parga)

Non estaba errado o que lle puxo Lucus Augusti (o bosque de Augusto)… temos que desfrutalo, amigos.

Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985) é guía oficial de Turismo de Galicia. Actualmente desenvolve o seu propio proxecto profesional: Guido Guía. Colaborador de Galicia Confidencial dende o ano 2013. 

www.guidoalvarezparga.com

ÚLTIMAS

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...

A Xunta só dá 10 días para consultar o expediente de Altri a 75 persoas interesadas

A Consellería de Economía e Industria recoñeceu a 75 persoas como interesadas no proxecto...

O PP lucense esixen a Tomé unha repartición “igualitaria” dos convenios da Deputación

Alcaldes e concelleiros do Partido Popular dos 67 concellos lucenses concentráronse este venres ante...

Dous detidos por estafar máis de 30.000 a unha empresa de Lugo

A Garda Civil de Lugo identificou a dous veciños de Cataluña que supostamente estafaron...