Dun tempo a esta parte Lugo estase a converter nunha cidade de gran ambiente internacional, e isto débello moi probablemente a iniciativas coma o Lugo Language Exchange. Un proxecto lanzado por un rapaz inglés, Neil Wykes, que durante moitos anos foi para moitos foráneos a primeira cara amable, o primeiro anfitrión, o primeiro amigo que atopaban cando chegaban a este verde e histórico recuncho atlántico.
O berce de San Froilán foi punto de arribo para migrantes durante moitas épocas da historia, pero non podemos negar que o crisol cultural está a vivir no século XXI o seu maior apoxeo. A internacionalización do Campus Terra, o retorno dos históricos fluxos migratorios co continente americano, os programas de captación de auxiliares de conversa para institutos e colexios, ou a simple globalización, son algunhas das razóns principais.
O Lugo do século XX tiña carencia dese enriquecemento cultural que aportan os migrantes e a multiculturalidade… pero por sorte hoxe podemos celebrar unha realidade ben distinta. Eu, que son guía e que tamén me movo moito no ambiente internacional, podo dicir que nos últimos cinco anos (regresei a Lugo no 2014) debín coincidir na cidade con persoas de preto de 100 países diferentes.
Volvendo ó centro do artigo, o LLX… en Lugo deberiamos homenaxear a esta iniciativa e ó seu creador, o xa mencionado Neil Wykes, que desgrazadamente faleceu hai un ano e medio. Realmente merecería que a cidade fixese memoria da súa laboura por abrir portas e ventás, e agrandar o espírito lucense.
Tamén merece un aplauso o continuador que salvagardou neste último tempo o valor do LLX e a memoria de Neil: o lucense Bruno González, que martes a martes segue mantendo vivo este punto de encontro de culturas e idiomas no bar Santuario (praza do Campo 8).
Para quen non o coñeza, azos para probalo… todos os martes ás 21h30 tedes a oportunidade de dar un paseo polo mundo, ese mapamundi de persoas que, sen que moitas veces nos demos conta, están asegurando o futuro e a evolución da nosa terra.