EFE.- Unha veciña da rúa Pena do Rei, en Lugo, foi identificada por tirar un gato morto á vía pública desde o terceiro piso dun inmoble. Así o informaron os integrantes dunha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio de Lugo.
Os axentes acudiron ao lugar dos feitos na tarde do xoves, despois de recibir o requirimento dun veciño que manifestou observar o sucedido. Os membros da patrulla comprobaron a veracidade do relatado ao ver que o felino “xacía morto sobre o asfalto” e presentaba “rigor mortis”. Así mesmo, outra testemuña declarou que, pouco antes de ver caer o animal, escoitou que unha muller lle dicía a outra: “tira o gato, que xa está morto“.
Os policías, que descartaron que a causa do falecemento fose a caída, procederon de inmediato a localizar a vivenda desde onde fora lanzado o animal. Alí identificaron os habitantes da casa e continuaron coas xestións oportunas para tentar descubrir a causa da morte do felino, ademais de presentar unha denuncia administrativa por tirar un cadáver á vía pública. EFE