InicioMedioambiente e PatrimonioA realidade detrás dos gatos que (non) "campan ás súas anchas" por...

A realidade detrás dos gatos que (non) “campan ás súas anchas” por Lugo

O abandono animal é un comportamento que pode xurdir como consecuencia da desinformación ou o descoñecemento, aínda que hai xente que, directamente, "non ten escrúpulos". O colectivo Michos de Lugo busca que se regule o coidado das colonias felinas e lembra que o mellor método para controlar a natalidade destes gatiños é o sistema CER (captura, esterilización e retorno).

PUBLICADA O

- Advertisement -

Nas rúas de Lugo viven e malviven animais sen dono, desamparados, e que poden chegar a causar malestar entre a veciñanza. Na última semana, a prensa local fíxose eco de situacións provocadas por gatos que, supostamente, “campan ás súas anchas por Lugo” e que mesmo chegaron a rabuñar un viandante. Este tipo de noticias precipitaron a presentación dun novo colectivo, Michos de Lugo, que procura concienciar sobre o método máis respectuoso para controlar as colonias felinas. Á súa vez, pon o foco na realidade que se agocha detrás da presenza de gatos na rúa: o abandono animal.

“Non é verdade que os gatos campen ás súas anchas. Os gatos da rúa teñen unha vida durísima. Mentres na casa poden vivir ata vinte anos, na rúa duran entre tres e seis”, explica Bárbara Ruth Soto, voceira de Michos de Lugo. “Estes animais son atropelados, teñen enfermidades e tamén sofren moitísimo vandalismo”, engade. Os gatos non son animais salvaxes por natureza, así que os que viven na rúa proveñen doutros gatos que fuxiron da casa ou que foron abandonados.

“Hai xente que non ten escrúpulos”, lamentan en Michos de Lugo, aínda que tamén vinculan este tipo de comportamentos ao descoñecemento ou desinformación. “Hai unha idea moi estendida de que os gatos poden vivir moi ben eles sós, pero as estatísticas din que non é real. Se un gato criado na rúa vive entre tres e seis anos, un gato abandoado non dura seis meses a menos que atope outra casa”, contrapón Soto.

Lembran que o abandono e o maltrato animal están contemplados no Código Penal como delitos, polo que é posible interpoñer denuncias. Os castigos poden ser multas económicas importantes ou incluso implicar a entrada no cárcere.

REGULAR O COIDADO DAS COLONIAS FELINAS

Atender os michiños que viven na rúa é unha responsabilidade municipal, segundo a Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía. Con todo, “en Lugo iso non está regularizado”, denuncian dende Michos de Lugo. A súa voceira, Bárbara Ruth Soto, explica que un dos obxectivos que se marcan é o de conseguir regular a actividade das persoas que se encargar de coidar as colonias felinas. Nalgúns casos, di, incluso gastan diñeiro de seu para realizar ese labor. A iso hai que sumarlle o tempo e o “enorme” esforzo emocional que implica.

Regular e protocolarizar esta actividade pasaría pola formación das persoas que traballan de forma independente con estes animais. En Michos de Lugo teñen previsto celebrar unha xornada entre setembro e outubro na que participarán veterinarias, xente que coida outras colonias felinas en Galicia (como Micos do Barrio, en Compostela) ou mesmo unha avogada animalista que trataría cuestións legais. Desa maneira, abranguerán todos os aspectos aos que hai que prestar atención nunha colonia: dende as casiñas que se lle fan aos gatos, ata a súa alimentación, hixiene, tratamentos veterinarios, etc.

Gatos que viven na rúa | Michos de Lugo (Facebook)

O SISTEMA CER, O MELLOR PARA CONTROLAR A NATALIDADE

O eixe central de todo este traballo —e o que, ao seu ver, permitiría solucionar o problema— é a implementación do sistema CER. Este programa de ‘Captura, esterilización e retorno á colonia de orixe’ é o mellor dos métodos para controlar a saúde, a hixiene e a natalidade destes animais. Outras alternativas, como a eliminación das colonias, non teñen bos resultados, segundo se probou noutros lugares, xa que os gatos volven aparecer pasado un tempo. Porén, se se procede correctamente á súa esterilización, é posible devolvelos á colonia sen temor a que a poboación felina siga aumentando indiscriminadamente.

Desta maneira, tamén se conseguiría reducir os desagravios que poidan causarlle á veciñanza. “Hai que escoitar a xente para saber que problemas lles provocan”, concede Bárbara Ruth Soto, pero, ao mesmo tempo, non se pode deixar de lado a sensibilización. Cre que a actividade de coidado das colonias contribúe, tamén, á dinamización dos barrios e a establecer lazos entre a comunidade. “Trabállase a empatía e fomenta as habilidades sociais das persoas” ao tempo que se procura mellorar a vida dos animais.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...