A Xunta destina case 55.000 euros a colaborar co Concello de Guntín na mellora da eficiencia enerxética do pavillón municipal de deportes e das pistas de tenis situadas ao carón do recinto.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o alcalde de Guntín, Ángel Pérez, comprobaron o resultado das obras realizadas, que foron financiadas con cargo ás axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local.
Os traballos comprenderon a renovación das luminarias das pistas de tenis coa incorporación de equipos LED de última xeración. Tamén se cambiaron os termos eléctricos que alimentaban o sistema de auga quente sanitaria do pavillón por unha instalación de aerotermia, máis eficiente e con maior beneficio ambiental ao diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro.
Así mesmo, realizouse unha instalación de enerxía fotovoltaica para autoconsumo do edificio. Proxectouse tamén unha actuación complementaria de integración de enerxías renovables consistente en equipamento para hibridación coa nova caldeira de aerotermia, con obxecto de aproveitar os excedentes fotovoltaicos para almacenalos en forma de enerxía térmica, reducindo as emisións de carbono asociadas.
Arias explicou que esta orde de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vai dirixida aos concellos con poboación inferior a 15.000 habitantes e ten como obxectivo financiar obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios municipais, con prioridade para instalacións deportivas, educativas, sociais, sanitarias ou culturais.
Na provincia de Lugo, a convocatoria do 2025 beneficiou a 23 concellos para desenvolver outros tantos proxectos de acondicionamento de infraestruturas locais. As achegas totais suman 1,3 millóns de euros.
