InicioLugo e contornaFriolCando o raquitismo era endémico en Lugo

Cando o raquitismo era endémico en Lugo

Helena González de Bisagras de Papel reflexiona neste artigo sobre as vidas brevísimas deses pequenos e pequenas, que morrían sendo "párvulos". Esta a unha invitación a viaxar polo vosa historia familiar, dándolle un nome e un espazo a eses pequenos e pequenas. E tamén para visitar eses lugares máxicos, espallados pola xeografía galega, que tiñan sona de ser milagreiros.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Por fin  chegou o verán, así que pode que alguén de vós estea agora a  gozar do sol e da auga, nalgún río, piscina ou á beiriña do mar. É pensar no sol e lembrar a mítica frase de Super Ratón: No olviden supervitaminarse y mineralizarse”. Definitivamente, as súas raiolas son fonte de vida, que axudan ó organismo, a absorber vitamina D.

Mentres boto a crema para me protexer do sol, lémbrome dunha neniña natural de Friol, que morreu con só dous anos, aló polos anos cincuenta.  A causa da súa morte, segundo puña nos papeis, foi raquitismo. Dese mesmo mal, endémico en Galicia, dende o tempo dos mouros, morreran antes centos de nenos e nenas.

Disque, esta doenza estaba relacionada cun déficit de vitamina D durante o embarazo e a lactación e tamén coa escasa exposición á luz solar.  Os pequenos, que padecían o “tarangaño”,  que así se chamaba, tiñan a cabeza anormalmente grande para a súa idade, falla de ton muscular nas pernas, o peito afundido, o ventre grande e abultado e dificuldades para botar a andar.

A neniña non foi quen de se salvar do mal, a pesares de vivir moi preto, do santuario da Virxe do Ermo, en Carlín. Este lugar era a meta final dun paseo ritual, practicado desde tempos inmemoriais.  O percorrido ía das pedras dun sortego ubicado na parroquia veciña de Trasmonte as da fonte de Carlín, nunha especie “de oca a oca”.   O rito descrito con detalle polo antropólogo Antonio Fidalgo Santamariña, no seu libro “Antropología dunha parroquia rural”, incluía penedos, auga, salmodias e a intervención obrigada dunha muller, chamada María.

Se a nosa pequena vivise en Barbadás, levaríanna á pedra furada  de San Benito de Cova de Lobo, nun ritual no que tamén habería pedra, auga milagreira, a intervención dunha “María”  e a repetición destas palabras: “ten conta santiño, do meu tangariño, doente cho deixo, devólvemo san”.  

 

A evidencia física da celebración destas cerimonias eran as roupas vellas do entangarañado, espalladas, preto da pía ou das pedras. De feito, ó pé da pía de Carlín, aínda hai farrapos vellos colgados dun arame. Pregúntome, se algún estivo en contacto coa pel da malpocada neniña.

Éranvos tempos nos que a mortalidade infantil era moi alta. Daquela os andazos, os cocos ou o tarangaño aparecían como causa de morte nos certificados, cunha nota marxinal que decía “párvulo”. Eran persoas, obscenamente novos e novas para morrer.

[Do blog Bisagras de Papel]

 

+ posts

ÚLTIMAS

Xunta e Deputación de Lugo avanzan no consenso sobre o anteproxecto da Lei de Administración Local

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de...

Dous homes sentan no banco da Audiencia Provincial por unha pelexa con pa e aixada que acabou coa perda dun ollo na Fonsagrada

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo xulgará este martes, 21 de abril,...

O poemario “Agora, eu cariota” preséntase no Club de Lectura de Lugo

A presentación do poemario "Agora, eu cariota" no Vello Cárcere de Lugo contará coa...

Rueda “define” o xornalismo de proximidade como “preguntar, escoitar e contrastar” na entrega dos Puro Cora

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este xoves na entrega do XXXIII Premio...