InicioEconomíaA Xunta anuncia en Abadín un estímulo de 50 millóns á producción...

A Xunta anuncia en Abadín un estímulo de 50 millóns á producción ecolóxica

Marca o reto de chegar ás 40.000 hectáreas de agricultura ecolóxica e acadar 230 novos contratos para 2021

PUBLICADA O

- Advertisement -

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o plan quinquenal de produción ecolóxica impulsará, cunha dotación de 50 millóns de euros, a investigación, o desenvolvemento e a innovación nun dos nichos de mercado con maior potencial para o sector primario.

Segundo explicou, o programa contribuirá a mellorar a elaboración e a transformación, pero tamén aspectos de comercialización e promoción, así como para fomentar estudos de investigación e impulsar a vertebración e organización do sector ecolóxico.

En Abadín, acompañado das conselleiras de Medio Rural, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, o xefe do executivo galego remarcou que esta folla de ruta «garantirá» o crecemento sustentable a medio e longo prazo, coa previsión de alcanzar 230 novos contratos até o ano 2021.

Non en balde, na actualidade hai un total de 1.067 operadores certificados, que engloban tanto produtores como elaboradores. O plan aspira, do mesmo xeito, a aumentar en 8.000 o número de hectáreas de superficie certificada de agricultura ecolóxica, ata acadar as 40.000 hectáreas.

O presidente da Xunta avogou por «seguir traballando conxuntamente» para captar novos produtores e ampliar o seu coñecemento, fomentar a cooperación e o asociacionismo, e aumentar as axudas para os custos de certificación.

COMERCIALIZACIÓN

Sobre a comercialización, o plan ten como obxectivo a creación dunha plataforma en liña de compra e venda de materias primas para apoiar os operadores na cadea de distribución de produtos. Tamén comprende internacionalizar e ampliar o coñecemento técnico a través de programas formativos específicos.

No que respecta aos consumidores, o documento recolle a intención de promover o coñecemento dos produtos ecolóxicos entre os consumidores mediante a promoción no mercado interno.

«NON É UNHA MODA PASAXEIRA»

Na súa intervención, Feijóo incidiu en que a produción ecolóxica xa «non é unha moda pasaxeira nin minoritaria», como proban os datos presentados polo sector o pasado ano: os produtos ecolóxicos acadaron un volume de vendas de máis de 59 millóns, un 41,5 por cento máis que en 2016.

Nesta mesma liña, salientou que o prezo do leite de produción ecolóxica é un 40 por cento superior ao prezo do leite de produción estándar; e a superficie dedicada a agricultura ecolóxica aumentou, entre 2015 e 2017, en máis dun 50 por cento, pasando de 20.300 a 32.000 hectáreas.

A comunidade galega é a primeira en explotacións de leite ecolóxico e ocupa o primeiro posto en cabezas de ave de curral de cría ecolóxica; tamén está no segundo posto en produción de ovos deste tipo, ademais de destacar na produción de mexilón ecolóxico.

«Contamos tamén con 20 industrias dedicadas á elaboración de produtos lácteos ecolóxicos; e con 67 industrias de produción de carne ecolóxica, ocupando o terceiro posto no ranking estatal», precisou.

Finalmente, asegurou que o novo plan propón asemade a creación dunha mesa da produción ecolóxica que vertebre a relación do sector coa Administración, con incidencia no apoio á fixación poboacional no rural galego.

ÚLTIMAS

“Sempre en Galiza. 1944-2024”, inaugurada no Museo Provincial de Lugo

A mostra, comisariada por Henrique Monteagudo e coordinada por Xesús Domínguez Dono, plásmase en...

Senadores do PP provincial piden explicacións sobre a rehabilitación da A-6

Os senadores do PP lucense rexistraron este venres unha pregunta na Cámara Alta dirixida ao Goberno...

A Deputación de Lugo presentará en Fitur a campaña ‘Provincia de Lugo. Mergúllate na maxia das súas augas’

A Deputación de Lugo presentará a súa nova campaña de turismo, 'Provincia de Lugo. Mergúllate na...

Os senadores do PP por Lugo defenden as 159 iniciativas presentadas en 2024, co sector rural ou Alcoa no foco

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo José Manuel Barreiro, José Manuel...