O portavoz do PSOE de Lugo, Miguel Fernández, confirmou este martes que O Vello Cárcere será declarado Lugar de Memoria Democrática nos próximos días, contestando así á solicitude realizada o ano pasado e ao avance que fixo hai dous meses o delegado do Goberno, Pedro Branco, nunha visita á cidade. Miguel Fernández avanzou que só está pendente que se faga oficial coa publicación da declaración no BOE, unha situación que se dará antes de que acabe o mes e que se completará coa visita do Secretario de Estado a Lugo. “Esta visita non ten data pero non se alongará moito máis alá de final de mes”, aclarou.
O exmandatario da cidade mostrou a súa satisfacción por esta decisión do Goberno central que permitirá “honrar a memoria de todas as persoas que morreron ou estiveron aquí desde o respecto, a verdade e a dignidade“. Tamén quixo destacar que este nomeamento é un respaldo ao traballo realizado por “sucesivos goberno progresistas na cidade”. “Co labor de moita xente conseguimos transformar un lugar de morte, dor e sufrimento noutro de cultura, democracia e liberdade”, lembrou Fernández en alusión ao seu pasado como cárcere franquista.
Tamén agradeceu o labor realizado polos funcionarios durante varios meses para poder obter finalmente a distinción “que colocan o Vello Cárcere como un dos lugares de maior relevancia democrática de España, xunto con outros tan relevantes como o Pazo de Meirás ou as Illas de San Simón“. Este recoñecemento suporá para o Concello de Lugo un apoio económico e técnico, a través de diferentes fondos, para continuar cos labores de divulgación o pasado histórico deste centro, ademais de poder acoller as exposicións que ten o departamento de Memoria Democrática do Estado e que percorren toda a península, tal e como xa adiantara en ocasións anteriores. Así mesmo, servirá para protexer a integridade do propio edificio e a súa conservación.
O Vello Cárcere foi concibido como cárcere modelo, ao ser a primeira que utilizou celas individuais e tivo servizo de escola, pero acabou albergando numerosos presos políticos, cun gran problema de hacinamento, na época da guerra e a posterior ditadura. Convertida en símbolo de represión e silencio, o cárcere forma parte da memoria colectiva de Lugo e de Galicia. Tras un proceso de rehabilitación impulsado polo Concello, o edificio recuperou o seu valor patrimonial e arquitectónico e actualmente funciona como centro cultural aberto á cidadanía, acollendo exposicións, actividades sociais e programas de divulgación que, como explica o ente municipal, “fomentan a reflexión crítica sobre o pasado e a defensa da democracia”.
VISITA DO MINISTRO DE INFRAESTRUTURAS
Miguel Fernández tamén aproveitou para anunciar que espera a visita a final de mes do Ministro de Infraestruturas a Lugo para supervisar o final das obras da Intermodal. “As obras están en marcha e van no tempo establecido, polo que esperamos que se cumpra o previsto aínda que dependerá da axenda do Ministro”, engadiu.
