InicioPolíticaCandia farase cargo dunha macro área con Medio Ambiente, Recursos Humanos, Seguridade,...

Candia farase cargo dunha macro área con Medio Ambiente, Recursos Humanos, Seguridade, Dinamización Económica e Relacións Institucionais

Reigosa será "supervisora de infraestruturas" sen voto na Xunta de Goberno de Lugo e sen retribución económica. Javier Vázquez Prado será o secretario de Xunta de Goberno, que se celebrará agora os luns

PUBLICADA O

- Advertisement -

O novo equipo de goberno de Lugo fixo público o decreto de organización que rexerá as bases de traballo dos seus membros ata as vindeiras eleccións, que serán en maio de 2027, e elaborou un decreto no que se delimitan as funcións da concelleira non adscrita María Reigosa, a exsocialista tránsfuga que apoiou a moción de censura que provocou o cambio de goberno. Unhas funcións que pasan polo control total da área de Infraestruturas aínda que coa supervisión da propia alcaldesa. Ademais terá vóz no goberno local, aínda que non voto.

Ademais de precisar as funcións, a súa denominación e o que poderá ou non facer, o decreto establece tamén de forma clara que non se incrementarán os seus “dereitos económicos” máis alá dos que lle correspondían por lei. Así, aclárase que non se lle atribúen “cargo, delegación, competencia, retribución, dedicación, axuda económica, indemnización, persoal propio, medios materiais propios, representación institucional, integración en órgano de goberno, participación decisoria nin ningún dereito político adicional”.

Por outra banda, María Reigosa  poderá asistir a Xunta de Goberno local por mandato da Alcaldía, que se reserva tamén a opción de “modificar, limitar, suspender ou deixar sen efecto” a participación de Reigosa no novo goberno. Con todo no terá voto. “A presente resolución ten por finalidade reforzar a seguridade xurídica, delimitar as actuacións autorizadas e excluídas, e evitar que a participación política da concelleira non adscrita poida interpretarse como unha delegación encuberta, unha dirección material da área ou un incremento de dereitos económicos ou políticos”, explica o documento, no que se lle atribúe a denominación oficial de “supervisora de infraestruturas baixo a dirección da Alcaldía”.

FUNCIONS DE REIGOSA

Dita denominación ten carácter descriptivo dunha función de supervisión política non executiva e non terá natureza de cargo orgánico, cargo directivo, cargo administrativo, cargo representativo do Concello nin cargo de goberno, aclara o documento. Entre as funcións que poderá desempeñar figuran labores de seguimento político e programático das actuacións municipais relacionadas coa área de Infraestruturas. Tamén poderá trasladar á Alcaldía propostas, prioridades ou iniciativas vinculadas a este ámbito, así como comunicar demandas veciñais, incidencias ou necesidades detectadas.

Ademais, poderá participar en reunións de coordinación, seguimento e avaliación cando sexa convocada pola Alcaldía, así como solicitar información municipal polos cauces ordinarios recoñecidos aos membros da Corporación. Do mesmo xeito, poderá ser informada sobre o estado das actuacións incluídas nesta función de supervisión política e programática, sen que iso implique acceso privilexiado a expedientes administrativos.

A resolución contempla tamén a posibilidade de que informe á Xunta de Goberno Local sobre o resultado do seu labor de seguimento cando exista convocatoria expresa da Alcaldía. Igualmente, poderase presentar en actos públicos, reunións veciñais ou comparecencias de natureza política relacionadas con infraestruturas, sempre baixo a dirección da Alcaldía e sen asumir funcións executivas nin responsabilidades propias dunha concellaría delegada.

COMPETENCIAS DAS QUE QUEDA EXCLUÍDA

O documento establece expresamente unha ampla relación de competencias das que queda excluída. Así, a supervisora non poderá resolver expedientes administrativos, exercer competencias delegadas nin dispor de delegación de sinatura. Tampouco poderá dirixir técnica ou xerarquicamente a área de Infraestruturas nin impartir ordes ou instrucións ao persoal municipal.

Do mesmo xeito, non terá capacidade para dar directrices a contratistas, concesionarios ou empresas dependentes do Concello, nin poderá validar informes, contratos, certificacións, proxectos, propostas de gasto ou outras actuacións administrativas. Tamén se lle prohíbe convocar ou presidir reunións técnicas en representación do Concello ou participar na adopción de acordos da Xunta de Goberno Local.

A resolución sinala ademais que non poderá representar institucionalmente ao Concello ante outras administracións ou entidades salvo autorización expresa e puntual da Alcaldía. Do mesmo xeito, non disporá de persoal propio, recursos materiais, correo corporativo, axenda institucional nin medios asignados a unha concellaría ou cargo de goberno.

O texto aclara igualmente que esta función non conlevará retribución económica, dedicación exclusiva ou parcial, indemnizacións nin compensacións de ningún tipo. Tampouco poderá figurar no organigrama municipal como responsable da área de Infraestruturas nin empregar elementos institucionais que poidan inducir a pensar que ostenta competencias executivas ou forma parte do equipo de goberno municipal. Algo que xa impide Lei de Bases do Réxime Local que impide que unha edil tránsfuga poida percibir salario municipal.

ORGANIZACIÓN DO GOBERNO

O decreto de organización do novo goberno segue as directrices anunciadas por Elena Candia o día da súa toma de posesión, en especial o reparto de áreas, aínda que si determina os concelleiros que formarán parte da Xunta de Goberno: Antonio Ameijide, Ramón Cabarcos, Mar Carballas, Javier Vázquez (que será nomeado secretario), Flora Rubinos, Silvia Colmenero, Agustín Gallego e Gustavo Díaz. As sesións serán agora os luns ás 10.00 horas.

A área principal do goberno, que queda en mans da alcaldesa, abarca Medio Ambiente, Recursos Humanos, Seguridade, Dinamización Económica e Relacións Institucionais, deixando aberta a porta ao nomeamento dun director ou dunha directora xeral de Recursos Humanos. Dela dependerá tamén a concellaría de Cristina Sanz, que se centrará en Dinamización Económica e Relacións Institucionais.

Detállanse tamén as funcións da área de Mobilidade e Obras, a cargo de Antonio Ameijide, e as de Urbanismo, con Ramón Cabarcos, quen tamén poderá contar cun director xeral. En Economía, Participación, Servizos ao veciñado e Benestar Animal estará Mar Carballas. Javier Vázquez Prado e Damián Carballo repartiranse a área de Cultura, Educación, Deportes, Infancia e Xuventude, aínda que a dirección de área corresponde ao primeiro; mentres que a delegada da área de Zona Rural será Flora Rubinos.

Completa o reparto o área de Industria e Mercados, de Silvia Colmenero; o de Turismo e Museos, a cargo de Agustín Gallego; mentres que Gustavo Díaz e Aurora Goás repartiranse as competencias na área de política social, maiores, migración, muller e conciliación, coa preferencia do primeiro.

+ posts

ÚLTIMAS

Iniciada a licitación de 59 vivendas públicas no barrio de Paradai en Lugo

A Xunta iniciou este martes o proceso de licitación para construír 59 novas vivendas...

O PSdeG denuncia o aval de Rueda ao “pacto do tanatorio” que permitiu a moción de censura en Lugo

A viceportavoz parlamentaria do PSdeG e exalcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acusou ao presidente...

Arroxo, candidato do BNG para 2027 en Lugo coa “convicción” de recuperar o goberno

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, formalizou este luns a...

Abstención do PSOE no Senado para pedir reforzo do persoal de Correos na provincia de Lugo

O Senado pediu, coa abstención do PSOE, a adopción de medidas para reforzar o...