O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, asinaron este mércores o convenio de colaboración para a execución do proxecto de recuperación da contorna da rúa Fermín Rivera, que contará cun investimento de 2 millóns de euros.
A actuación recibirá unha achega do 95 % por parte da CHMS, mentres que o Concello asumirá o 5 % restante do custo total, segundo recolle o ente local. A firma deste acordo dá continuidade ao protocolo acordado en maio de 2025 e permitirá materializar o proxecto, cuxas obras comezarán ao longo de 2026.
Esta “actuación estratéxica” busca mellorar a calidade de vida dos veciños, sumar un espazo público e a integración do río na “vida diaria” da cidade, tal e como destacou o alcalde, que tamén resaltou os avances en accesibilidade e seguridade que deixará esta reforma integral.
Pola súa banda, o presidente da CHMS resaltou que permitirá mellorar a “funcionalidade” dun espazo co que o barrio da Ponte, historicamente vinculado ao río, poderá “recuperar e reforzar esa relación entre o ámbito residencial e o medio natural”.
As obras arrincarán unha vez estea completado o proceso de tramitación administrativa e adxudicación, previsto para a próxima primavera. Quiroga completou que a previsión é poder licitar as obras en xullo dado o estado “moi avanzado” no que se atopa o proxecto.
Tamén indicou que as obras están concibidas para que o seu núcleo principal desenvólvase ao longo do ano 2027, que será o período máis relevante da intervención. Neste sentido, celebrou que, coa firma do convenio, dá comezo “a fase máis esperada”, a de execución.
