InicioMedioambiente e PatrimonioO rol estratéxico dos humedais de Lugo contra o cambio climático

O rol estratéxico dos humedais de Lugo contra o cambio climático

Un informe ministerial sinala o potencial da restauración de humedais de cara a cumprir cos compromisos medioambientais

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Día Mundial dos Humedais celébrase cada 2 de febreiro, conmemoración da convención de Ramsar, que estabeleceu os primeiros lugares de importancia internacional desta clase, así como os usos racionais a facer deles. Refuxio sen parangón para a biodiversidade e emblemáticos do centro da provincia de Lugo, a conservación destes ecosistemas é chave na loita contra o cambio climático.

Así o reflicte un estudo do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco). Hogano, os ecosistemas húmedos están especialmente ameazados pola actividade humana, sobre todo os da ribeira mediterránea, que poderían desaparecer na inmensa maioría pola suba do nivel do mar. Asemade, os humedais son fundamentais na mitigación do cambio climático e a adaptación da vida natural.

Para entender a importancia destes espazos, baste saber que os humedais son  –cando están ben conservados– os principais sumidoiros dos gases de efecto invernadoiro. Ademais, contribúen a mitigar os efectos das inundacións e as secas, e resultan esenciais na protección das costas.

España sitúase no terceiro posto en relación co número de humedais Ramsar, de importancia internacional, tras Reino Unido e México. E Galicia, con cinco destas zonas co máximo recoñecemento, concentra gran parte da superficie de ecosistemas húmidos: de 115.000 hectáreas catalogadas a nivel estatal, 70.000 están en territorio galego, e algo máis de 30.000, na provincia de Lugo.

Potencial de conservación

Lagoa de Cospeito | Roi Cuba
Lagoa de Cospeito | Roi Cuba

A análise do Miteco evidencia “o potencial de recuperación destas zonas con proxectos de sinxela execución”, sinalando que cómpre maior implicación por parte da sociedade e, en especial, da poboación dos territorios con humedais. A conservación dos espazos húmidos frea a perda de biodiversidade e limita a posibilidade de desastres naturais.

Cómpre entender que, aínda que ocupan arredor dun 4 por cento da superficie do planeta, equivalen ao 40 por cento dos servizos ecosistémicos. Por desgraza, a metade dos humedais globais desapareceron durante o último século. A Unión Europea marcou o obxectivo de recuperar un 15 por cento da superficie degradada, polo que España está en liña con este obxectivo mínimo. Incluso así, a metade dos escenarios inventariados están mal conservados.

Esta afectación débese, segundo o Ministerio, “ás presións económicas, a falta de coordinación das intervencións administrativas e lexislativas, e a insuficiente información da opinión pública e as autoridades no que respecta á importancia dos humedais”.

Terras do Miño

Humedais da Terra Chá | 3edata

Como describe 3edata, spin off do Campus Terra para a captura de datos, a persistencia de superficie húmida en Lugo débese ao tipo de propiedade rural e as condicións ambientais. A Terra Chá, berce do privilexiado espazo coñecido coma Terras do Miño, conta con 29 hábitats de interese comunitario, incluídos 6 de auga doce protexidos. Trátase dunha zona “sobresaínte en canto á riqueza de especies de flora e fauna”, con varias especies botánicas en perigo de extinción.

A depresión do alto Miño goza un bo nivel de conservación, tanto do bosque de ribeira coma nas lagoas, fogar de ducias de especies acuáticas e aves senlleiras. É o caso da zona de Cospeito, coa lagoa homónima, A Espiñeira e A Veiga de Pumar, ou a de Caque, en Castro. Con todo, cómpre lembrar que a rede de humedais foi en tempos máis extensa, mais resultou afectada polo plan económico do réxime franquista.

As Gándaras

A situación das Gándaras é paradoxal. Sita no límite norte da cidade de Lugo, entre dous parques industriais, presenta unha paisaxe propia e característica dos humidais e bosques de ribeira, cunha elevada biodiversidade concentrada nunha pequena superficie. Seguindo a estratexia LIFE Lugo + Biodinámico, o Concello levará a pleno en febreiro a solicitude á Xunta de Galicia para a declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

Sería en caso de prosperar o primeiro ENIL do municipio e o segundo da provincia tras o de Loio, en Paradela, despois de acometer a recuperación do humidal no marco do programa europeo, e que inclúe o edificio experimental Impulso Verde, no cuadrante sur da área rehabilitada.

A xerencia do LIFE contempla entre a biodiversidade a protexer nas Gándaras a animais de 36 familias, 28 delas protexidas. Entre estas atópanse dous especies de morcegos, outra de sapo e outra de cóbrega. No que respecta á flora, hai documentadas 130 especies diferentes, pertencentes a 40 familias.

Humedais das Gándaras | LIFE

Ademais da conservación dos humedais na contorna das Gándaras, a estratexia LIFE comportou a creación dun pulmón verde de 14 hectáreas, con 15.000 exemplares de 60 especies arbóreas, e a planificación e futura construción do primeiro edificio público de Galicia composto exclusivamente de madeira. O Impulso Verde será a semente do novo barrio multiecolóxico da Garaballa, o primeiro de España.

Lugo liderará o modelo produtivo da madeira cun edificio pioneiro

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...