Veciños da localidade lucense de Cervantes concentráronse este xoves diante do centro de saúde de San Román para denunciar o peche do consultorio médico de Doiras.
Na mobilización participaron membros do BNG do municipio que, tal e como trasladaron nunha nota de prensa, denunciaron o que tachan como “un novo golpe do PP contra a sanidade pública na montaña lucense”.
Para os nacionalistas, o peche do consultorio de Doiras é unha decisión “política, tomada de forma unilateral e con escurantismo, sen comunicación previa aos veciños e sen ofrecer ningunha alternativa”.
“A Xunta pecha un servizo sanitario básico nun concello xa castigado pola falta de recursos e pola dispersión da poboación. É unha decisión profundamente irresponsable e un desprezo absoluto aos veciños de Cervantes”, protestaron.
Neste contexto, o BNG avanzou que continuará impulsando mobilizacións, ás que chama a participar á cidadanía. En concreto, convocaron unha nova concentración o vindeiro mércores, 18 de marzo, ás 12.00 horas diante do Centro de Saúde de San Román para esixir a reapertura do consultorio de Doiras e o mantemento íntegro dos servizos sanitarios no concello.
