A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou nove novas prazas correspondentes á Oferta de Emprego Público de 2025, dentro dunha estratexia de reforzo da estrutura municipal que no último mes permitiu impulsar un total de 27 prazas entre novas convocatorias, procesos selectivos e nomeamentos efectivos.
As novas prazas distribúense en áreas consideradas prioritarias. No ámbito técnico incorpórase unha praza de arquitecto para reforzar a área de urbanismo. Na área social créanse unha praza de educador social e dous de traballador social, co obxectivo de consolidar a atención a familias e persoas en situación de vulnerabilidade.
Tamén se aproban dúas prazas de técnico de administración xeral por quenda libre e unha máis por promoción interna, fortalecendo a capacidade xurídica e administrativa do Concello. A iso súmanse dúas prazas de analista programador, orientadas a avanzar na transformación dixital e no desenvolvemento da administración electrónica.
A concelleira de Xestión Integral de Recursos Internos, Ana González Abelleira, subliña que a execución planificada das ofertas públicas permite reducir a temporalidade estrutural e consolidar equipos técnicos estables. “Reforzar o persoal municipal é reforzar a capacidade do Concello para prestar mellores servizos á cidadanía”, afirmou.
Na mesma sesión aprobáronse as bases para a creación dunha bolsa de traballo de técnico especialista en estratexias urbanas financiadas con fondos europeos Feder. Este profesional integrarase na unidade de xestión do PAI Novo Norte e asumirá funcións vinculadas ao control financeiro, supervisión de contratación e xustificación de axudas europeas, reforzando así a capacidade municipal na xestión de fondos comunitarios.
En materia organizativa, autorizouse ademais a permuta de destinos entre un axente da Policía Local de Lugo e outro do Concello da Coruña, unha medida que non supón incremento de gasto e facilita a conciliación mantendo cubertas as prazas.
A Xunta de Goberno acordou igualmente o reforzo temporal da xefatura do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento, atribuíndo as funcións de sarxento-xefe a un funcionario municipal mentres se reorganiza a estrutura interna e ante a incapacidade temporal do actual responsable. O servizo conta actualmente cun sarxento-xefe, cinco cabos e cincuenta bombeiros condutores, e o Concello prevé revisar a súa estrutura para mellorar a cadea de mando.
Nas últimas semanas tamén se activaron procesos selectivos de nove prazas correspondentes á Oferta de 2023 mediante a designación de tribunais, e formalizáronse dous nomeamentos como funcionarios de carreira en postos de celador de colexio público.
Por último, a Xunta de Goberno aprobou a prórroga da concesión do campo municipal José Carballido Cerceda ao CD Lugo ata xaneiro de 2036 e deu luz verde ao convenio coa Xunta de Galicia para a cesión ao Concello do aparcadoiro disuasorio da Avenida de Breogán, con 148 prazas financiadas con fondos europeos, destinado a fomentar a mobilidade urbana sustentable.
NOVAS MEDIDAS EN EDUCACIÓN
O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, informou os asuntos abordados na Xunta de Goberno Local nas áreas nacionalistas, entre os que destacan medidas nas áreas de Participación e Educación.
En materia educativa, aprobouse a apertura do proceso de licitación para un novo contrato de actividades extraescolares. O actual servizo prorrógase unicamente ata o 31 de maio, coincidindo co final de curso, tras detectarse diversas incidencias. O novo contrato cubrirá o período de outubro a maio, con 74 horas semanais durante 32 semanas e un orzamento basee de 58.660,70 euros. Ademais, increméntanse as horas de coordinación de 9 a 15, atendendo ás demandas das Anpas e dos equipos directivos. O Concello estuda tamén a posible cesión do contrato actual a outra empresa se o adxudicatario está ao corrente de pagos.
Así mesmo, aprobouse a primeira prórroga do programa municipal de xadrez escolar, que seguirá desenvolvendo a Escola Luguesa de Xadrez ata maio de 2027, cunha dotación de 11.000 euros. O proxecto inclúe actividades en centros educativos, torneos e propostas divulgativas en barrios.
Tamén se deu luz verde á prórroga do contrato de limpeza e desinfección dos equipos de protección do persoal do cemiterio municipal, por un máximo de 3.627 euros ata marzo de 2027.
Por último, aprobouse a contratación do servizo de seguridade para eventos na Praza de Abastos e o Mercado Municipal, así como a subministración de produtos de limpeza e hixiene para estas instalacións e o cemiterio, ambos cunha duración inicial dun ano prorrogable ata cinco.
