Os senadores do PP de Lugo denunciaron que o Goberno de España mantén sen cubrir, dende hai sete anos, a totalidade das prazas de médicos do Instituto Social da Mariña (ISM) na provincia. Segundo unha resposta parlamentaria obtida polos populares, nestas dependencias —situadas en Burela e Celeiro— existen catro prazas de persoal médico, das cales neste momento só tres están ocupadas. Esta carencia de facultativos afecta directamente á prestación de servizos esenciais para o sector pesqueiro da Mariña lucense.
A análise da evolución do cadro de persoal nos últimos sete anos revela, segundo o PP, que nunca se completaron as prazas existentes. Os datos amosan que a provincia contou durante tres anos con só dous médicos en activo, mentres que noutros catro anos a cifra subiu a tres facultativos, pero sen chegar nunca ao pleno de catro profesionais. Para os populares, esta situación supón un grave prexuízo para os traballadores do mar, que en moitas ocasións se ven obrigados a viaxar fóra de Lugo para poder realizar os recoñecementos médicos obrigatorios necesarios para a súa actividade.
Neste contexto, o PP de Lugo reprochou ao PSOE o que consideran unha “contradición”, ao esixir máis médicos en administracións onde non gobernan mentres o Executivo central deixa baleiras as prazas sanitarias que dependen directamente de Madrid. Por todo isto, esixiron ao Goberno a cobertura inmediata de todas as vacantes para garantir unha dotación estable e suficiente que atenda de xeito axeitado as necesidades do sector marítimo-pesqueiro galego.
