Os orzamentos da Deputación de Lugo crecerán en 2026 ata superar os 135 millóns de euros, un 3,7% máis que no exercicio anterior. Máis dun terzo dos fondos (41 millóns) irán destinados a políticas sociais, con especial atención aos centros de maiores, e outros 27, á mellora da mobilidade. Así o avanzou esta mañá o presidente da institución, José Tomé Roca, que os describiu como “realistas e profundamente sociais”, segundo recolle a Deputación nun comunicado.
Estas contas, que inclúen tamén as do Consorcio de Bombeiros –a institución provincial financia o 50% desta–, soben ata un total exacto de 135.236.715,15 euros e serán sometidas a debate e a aprobación no pleno deste mes, que se celebrará o martes 25 de novembro. O deseño das partidas, en palabras de Tomé, persegue “avanzar no proxecto de progreso social e económico” da provincia lucense. O plan aséntase ” sobre as políticas sociais, a mellora da mobilidade, a cooperación dos concellos e o apoio aos sectores produtivos”, segundo ha detalladio.
O presidente da Deputación presumiu de manter “un nivel de execución dos máis altos, de contorna ao 85%”, e de ter “débeda cero”, un aspecto do que a institución sente “especialmente” orgullosa. Defendeu que isto lles permite que “cada recurso público poida empregarse directamente en servizos”.
INVESTIMENTO EN POLÍTICA SOCIAL
A maior partida anunciada, de 41 millóns de euros, destinarase a políticas sociais, que definen, segundo Tomé, “a acción de goberno”. O 28% (11,5 millóns) designarase aos Centros de Atención a Maiores, entre os que catro (Becerrá, A Pontenova, Guitiriz e A Pobra do Brollón) abrirán a “curto ou medio prazo”: “Queden co dato, 13 residencias abertas en oito anos“. “A Xunta de Galicia, que é a Administración que ten as competencias e que conta cun orzamento 100 veces maior ao da Deputación, leva 0 residencias públicas en case 20 anos”, criticou o presidente.
Á súa vez, a Deputación anunciou un investimento de 3,1 millóns de euros en educación pública e 4 millóns para “a creación de emprego e fomento á contratación”. Ambas forman parte dos 41 millóns destinados a políticas sociais. Por outra banda, 27 millóns designaranse á mellora da mobilidade. Tomé di ser consciente do “reto enorme” que afronta coa rede de estradas lucense ao contar con “a rede máis extensa” de España con 4.217 quilómetros de vías.
O presidente considera que dispón do “mellor plan de estradas da historia” da institución e asegura que basea o seu argumento en “criterios técnicos” e na realización de máis de 100 actuacións en 52 concellos no presente curso. Outras dúas grandes partidas orzamentarias destinaranse ao coñecido como Plan Deputación e a políticas estratéxicas. A primeira, cun desembolso de 22,25 millóns de euros, reflicte “un dos alicerces máis sólidos” da Deputación a ollos de Tomé.
400.000 EUROS PARA DÚAS ESTRADAS EN SOBER E RIBEIRA DE PIQUÍN
A Deputación de Lugo, este mesmo venres, licitou as obras de mellora de dúas estradas provinciais en Sober e Ribeira de Piquín por máis de 400 mil euros. A portavoz socialista, Pilar García Porto, estableceu que a aprobación da licitación demostra “o compromiso da administración provincial” coa rede de estradas lucense.
———————
