InicioPolíticaA deputación pide por unanimidade que Lugo sexa a sede da Axencia...

A deputación pide por unanimidade que Lugo sexa a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública

Tamén se aprobou unha reclamación á Xunta por recortes en colexios, a conta xeral e unha moción do PP para pedir ao Goberno melloras en comunicacións

PUBLICADA O

- Advertisement -

Deputación de Lugo apoiará a candidatura do Concello de Lugo para acoller a sede da futura Axencia Estatal de Saúde Pública (AESAP). Así o aprobou o pleno celebrado no Pazo de San Marcos, co apoio unánime de PSdeG, BNG e PP.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, defendeu que se trata de “unha cuestión de xustiza territorial” e que Lugo é a candidata ideal pola súa combinación de infraestruturas, dotacións e patrimonio. Sinalou que esta axencia pode transformar a cidade, atraer talento, xerar emprego cualificado e reforzar o papel de Lugo como referente en saúde e investigación.

O acordo inclúe trasladar o apoio ao Ministerio de Sanidade e á Xunta. O proceso de selección concluirá a finais de ano e hai outras cidades aspirantes como Zaragoza, Granada, León ou Oviedo. O pleno aprobou tamén, con abstención do PP, a Conta Xeral de 2024, cumprindo prazos legais. A deputada de Economía, Carmela López, destacou que o gasto comprometido alcanzou o 94,49%, mostrando a mellora na capacidade de xestión.

EDUCACIÓN

Outra decisión plenaria foi esixir á Xunta “que poña fin aos recortes en educación” que afectan a numerosos centros da provincia. A moción socialista, apoiada por PSdeG e BNG, denunciaba a falta de profesorado e a situación crítica de varios colexios, sobre todo no rural. Así mesmo, o presidente José Tomé criticou a xestión do PP en Galicia e a falta de cobertura de 157 prazas en Lugo. A portavoz, Pilar García Porto, subliñou que estes problemas se acentúan no rural, creando “unha Galicia de dúas velocidades”.

Entre os exemplos citados, segundo detallaron, están o CEIP Virxe da Luz de Portomarín, con seis cursos agrupados en dúas clases e unha praza de inglés sen cubrir; Samos e Triacastela, cun profesor de inglés compartido; o CPI Tino Grandío de Guntín, que perdeu catro docentes; e casos no Páramo, San Cibrao, Fonsagrada, Sober, Castro de Rei, Vilalba ou Chantada. A moción reclama manter os persoais docentes, cumprir os cocientes pactadas e cubrir as prazas vacantes.

En materia ambiental, o pleno aprobou pedir á Xunta que apoie o pacto de Estado contra a emerxencia climática e que cumpra co ditame sobre incendios de 2018. PSdeG e BNG votaron a favor e o PP, en contra.

MOCIÓNS POPULARES

Por outra banda, os populares lograron a aprobación dunha iniciativa para reclamar ao Goberno central a mellora das comunicacións por estrada, tren e aire, denunciando a “desconexión” da provincia.  Finalmente, PSOE e BNG rexeitaron outra iniciativa do PP que pedía un plan específico da Deputación para financiar servizos básicos de auga e saneamento nos municipios, ao considerar que o Plan Deputación non é suficiente para afrontar investimentos tan elevados.

MOCIÓN NACIONALISTA

O pleno tamén aprobou unha moción do BNG para reclamar un cambio na política contra os incendios, apostando pola prevención e a ordenación do monte. O deputado Daniel García alertou do abandono da xestión forestal, lembrando que o 65% do territorio galego é monte e que a maioría de propietarios non residen nel.

ÚLTIMAS

Detido en Becerreá un traballador sen contrato por provocar un incendio forestal con maquinaria de roza

A Garda Civil detivo este martes a un home de 48 anos, de nacionalidade...

Persecución a 150 km/h en Lugo remata cun detido por tráfico de drogas

Axentes da Policía Local e da Policía Nacional detiveron en Lugo a un home...

Racismo en Lugo: aparecen pintadas contra musulmáns e o PSOE

As inmediacións da mesquita As-Salam, situada na zona norte da cidade de Lugo, foron...

Miguel Fernández pide “calma” no proceso de substitución de Pablo Permuy, previsto para finais de outubro

O alcalde de Lugo, o socialista Miguel Fernández, avanza este luns que a substitución do...