InicioLugo e contornaLugoDesaloxado un pub que case duplicaba o seu aforamento por unha festa...

Desaloxado un pub que case duplicaba o seu aforamento por unha festa universitaria de Veterinaria en Lugo

A Policía Local comprobou que se venderon entradas numeradas ata a 350 nun local con autorización para 198 persoas

PUBLICADA O

- Advertisement -

Axentes da Policía Local de Lugo desaloxaron o pasado fin de semana un local de lecer nocturno situado na Praza de Augas Férreas ao haber risco para a seguridade dos asistentes a unha festa universitaria para a que se venderon entradas numeradas ata a 350 nun local con aforamento para 198 persoas.

Segundo informou o corpo policial nunha nota de prensa, os axentes levaron a cabo unha intervención de urxencia tras detectarse graves infraccións en materia de seguridade que puñan en risco “concreto e inminente” a integridade física das persoas asistentes. O operativo iniciouse tras unha chamada ao 092 na que se alertaba dunha situación preocupante no acceso ao local. Unha vez no lugar, os axentes comprobaron a presenza de centenares de mozos tanto no interior como no exterior esperando para acceder. A situación, destacou a Policía, xeraba “gran inseguridade” entre os presentes, o que obrigou a impedir o acceso a máis persoas e a desaloxar progresivamente o local para garantir a seguridade colectiva.

Ademais, no semisótano do establecemento concentrábanse decenas de persoas sen posibilidade de evacuación fluída, cunha única escaleira de acceso e a saída “completamente saturada”.

Nesta mesma liña, a Policía observou tamén que o espazo dispoñible atopábase aínda máis reducido pola presenza dunha mesa de DJ mal situada no seu interior e que non contaba con medidas organizativas suficientes, nin persoal de seguridade capacitado para xestionar a aglomeración.

MÁIS DE 350 ENTRADAS NUMERADAS

Doutra banda, os axentes constataron que o evento fora promocionado a través da venda anticipada entre o alumnado da Facultade de Veterinaria, detectándose numeracións superiores ás 350 entradas vendidas para un local cun aforamento máximo autorizado de 198 persoas, segundo a licenza de actividade.

Segundo a Policía Local, esta situación non só desbordou ao propio establecemento, senón que provocou a invasión da vía pública por parte dos asistentes e fixo que os axentes tivesen que establecer un operativo de regulación na contorna para evitar accidentes, xa que varios dos mozos permanecían na calzada consumindo bebidas obtidas no propio local en vasos de plástico, unha práctica non autorizada e que tamén foi denunciada.

Do mesmo xeito, durante a inspección solicitouse a documentación correspondente a terrazas e actividade, sen que o responsable do local puidese presentar ningunha autorización válida no momento. Así, a Policía formulou propostas de sanción por infraccións como exceso de aforamento, insuficiencia nas medidas de evacuación, ausencia de documentación, venda de entradas, facilitar o consumo de bebidas no exterior do local, ocupación da vía pública con risco para a circulación, obstrución de accesos/saídas do establecemento.

ÚLTIMAS

Inaugurado en Lugo un busto en recordo a Moncho Reboiras, asasinado pola policía franquista hai 50 anos

Moncho Reboiras, asasinado pola policía franquista en 1975 e recoñecido polo Estado como vítima...

A Xunta licita a última fase a autovía Nadela-Sarria: as obras estarán en marcha no segundo semestre de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou este venres a licitación das obras correspondentes...

PP e BNG votan a favor de reprobar a José Tomé no Concello de Lugo ante acusacións de utilización das vítimas de agresións machistas

Os grupos municipais do PP e do BNG en Lugo aprobaron a moción, presentada...

O PP de Lugo denuncia o desvío de fondos para a rúa Fermín Rivera mentres o PSOE defende un novo convenio coa Confederación Hidrográfica

O Partido Popular de Lugo avanzou este luns a posta en marcha dunha campaña...