De entre as provincias galegas, Lugo recibiría o menor investimento estatal en caso de aprobarse o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado. Serían 18,86 millóns de euros das empresas públicas e fundacións (investimento real), e 52,36 millóns do sector administrativo con orzamento limitativo. Ata o de agora, o debate político centrouse no recorte no gasto en infraestruturas e, como contrapartida, o incremento nos servizos do día a día, coma dependencia ou pensións.
Ourense, pola contra, é a gran beneficiada das contas. O administrador ferroviario Adif concentra, por mor das obras da Alta Velocidade, a meirande parte dos case 270 millóns de investimento directo nesta provincia. Indirectamente, esta contía beneficiará a Lugo a través da redución nos tempos de viaxe a Madrid, mais a diferenza é tan grande que deixa sen completar os grandes apartados do ferrocarril e as estradas lucenses.
Esta óptica simplificada permite trasladar o discurso político en termos tanxibles, deixando para outro momento o orzamento relativo ás competencias transferidas (e que nutren á Xunta de Galicia) ou aos organismos públicos dependentes do Estado. Fóra completamente do debate e a campaña permanente na que están instalados os partidos, nestas contías apenas houbo cambios salientables.
Mais a provincia de Lugo non vive só dos quilómetros asfaltados ou das prestacións que outorga a Seguridade Social. O sistema produtivo depende doutros elementos vencellados ao correcto funcionamento das corporacións estatais, aquelas que dependen da estrutura ministerial pero que operan de xeito autónomo para preservar o medio natural, garantir a operabilidade dos portos ou apoiar a investigación aplicada.
En Lugo, estes entes toman o nome da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ou o Centro Tecnolóxico Agroalimentario (Cetal). Sobre a necesidade de financiar, ampliar e diversificar estes centros non existiu debate, algo que é incomprensible na provincia galega de maior extensión, con máis superficie protexida e máis dependente do sector primario.
Un caso paradigmático é o do Cetal, dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Este complexo sito en Lugo vertebra o coñecemento sobre o sector lácteo e do aceite, a calidade alimentaria e a Investigación e Desenvolvemento no eido agroalimentario. Anunciado por José Blanco na campaña das xerais de 2004, foi constituído en 2007 e tivo que agardar ata 2013 para a inauguración.
Lonxe da idea inicial de soportar 15.000 empregos directos e indirectos, o Cetal é malia todo o único organismo desta clase especializado no sector lácteo, e conta cun laboratorio de seguridade alimentaria punteiro. Mais unicamente vive dos recursos que xenera, arredor dun millón e medio de euros, sen percibir investimentos dende os Orzamentos Xerais do Estado.
O proxecto de orzamentos do Goberno non deixa de ser máis ca iso, un proxecto. Mais o debate previo vai alén do tacticismo político, permitindo discutir de cara á opinión pública as prioridades do país e revisar como se empregan os recursos públicos. Pode ser que estes orzamentos rematen nun esforzo estéril do executivo central; mais hai grandes probabilidades de que prospere, e de que continúe así o esquecemento dos organismos públicos.