InicioSociedadeA Policía destaca a brutalidade empregada no asasinato de Cristina Cabo

A Policía destaca a brutalidade empregada no asasinato de Cristina Cabo

A acusación defende o concepto de asasinato e roubo con violencia, polo que pide 30 anos.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A investigación policial levada a cabo tras o asasinato en 2022 de Cristina Cabo Buján, a veciña de Lugo que rexentaba unha tenda de produtos ecolóxicos, centrou a segunda sesión do xuízo con xurado popular que se segue contra J.O.V.S., que está acusado de asestarlle 47 puñaladas a mesma noite que se coñeceron despois de manter relacións na casa dela.

En total foron achegadas á causa 118 vestixios recompilados e máis de 500 fotografías, moitas delas mostradas ante o xurado, ademais de proxectarse un vídeo coa reconstrución dos feitos. Debido á crueza de moitas desas imaxes, nas que viña o corpo de Cristina Cabo no medio do salón da súa casa, foi desaloxada a sala en máis dunha ocasión co obxectivo, por unha banda, de manter a intimidade da vítima e por outra, de non ferir a sensibilidade do elevado número de amigos e familiares que están a seguir o xuízo.

Este martes arrincou na Audiencia Provincial de Lugo, con algo de atraso, a segunda sesión do xuízo polo asasinato de Cristina Cabo Buján, unha veciña de Lugo que rexentaba unha tenda de produtos ecolóxicos. As avogadas da defensa e da acusación defenderon de novo as súas posturas antes do inicio da sesión. Pilar Baños, letrada da defensa, lembrou que a finalidade deste xuízo non é establecer a culpabilidade de J.O.V.S., xa que o mesmo confesou os feitos cando foi detido poucos días despois do suceso.

A letrada presenta ante ao xurado a un home que “non quixo matar”, que foi un homicidio “porque non atacou á vítima de forma sorpresiva, xa que foi ela a que sacou a arma”, tamén defende que non roubou con violencia, “senón que colleu as cousas cando marchaba”. Xustifica este comportamento “marcado por unhas vivencias moi duras, con situacións de abandono, violencia e falta de agarimo durante toda a súa infancia”. Afirma que durante a discusión foi ela a que sacou o coitelo como liña clara. Aínda que a acusación particular asegura que quedará probado que iso non foi así.

Pola súa banda, Fernanda López, avogada da defensa, valorou positivamente a xornada inicial, especialmente na sesión vespertina, na que declararon os amigos da vítima, que aseguraron que non ía co seu carácter nin a agresión nin ofrecer diñeiro ao acusado por sexo. Tamén a irmá, que atopou o corpo e a amiga coa que estivo antes de coñecer ao acusado nun pub esa mesma noite. Todos destacaron o carácter tranquilo da vítima e a súa bondade. Tamén se leu a declaración do veciño da vítima, xa falecido, un home maior, que explicou ouvir unha discusión esa mañá na que só recoñeceu a voz dela.

Pechou as declaracións do luns un dos policías que actuou na detención e que sinalou a forza do acusado, ao que tiveron que reducir con seis axentes para lograr sometelo. Previamente, fixérono os dous que recibiron á irmá e ao cuñado do acusado, que o sinalaron a el como culpable. Neste caso, os dous recoñeceron que a irmá lles urxiu facer a detención porque el marchaba nunhas horas da cidade. A sesión renovouse este martes coas declaracións dos investigadores, que tentarán dar algo de luz sobre como foron realmente os sucesos de decembro de 2022 na rúa Quiroga, comezando polos que fixeron os rexistros nas dúas vivendas. Pola tarde, serán os investigadores da científica os que acheguen os datos máis técnicos da investigación.

OS FEITOS

Trinta anos de prisión é pena que a fiscal solicita a J.O.V.S., autor confeso da morte de Cristina Cabo Buján. Son tres días de xuízo, ante un xurado popular, en xornadas de mañá e tarde, que se centra en dilucidar se o home é culpable de asasinato ou de homicidio, o que implicaría unha condena diferente. Xunto á acusación fiscal estará tamén a particular, que defende a teoría do asasinato. Os feitos remóntanse ao 1 de decembro de 2022, cando o acusado coñeceu á falecida –unha muller moi coñecida que rexentaba unha tenda de produtos ecolóxicos na rúa Mallorca–, nun local nocturno do centro histórico, e logo acompañouna a casa.

No escrito fiscal deféndese que sobre as 08.00 da mañá, dúas horas despois de chegar ao domicilio, “produciuse unha discusión entre eles durante a cal Cristina Cabo colleu un coitelo de cociña pedíndolle que marchase”. Segundo o escrito, o acusado “non fixo caso da petición e asestoulle con esa mesma arma 47 puñaladas que provocaron un desangramento lento e finalmente a morte con gran sufrimento“. Mentres ela se desangraba, o home abandonou a casa tras subtraerlle un computador e unha bicicleta. O corpo de Cristina foi atopado ao día seguinte pola súa irmá, que acudiu ao domicilio preocupada porque non contestaba o teléfono. Tras iniciarse a investigación, foi a irmá de J.O.V.S. a que o delatou, porque atopou entre as pertenzas do home, que vivía con ela, o computador.

Tras ser detido, confesou o crime, pero achacou a agresión a un alleamento mental polo consumo de drogas e alcol. Para o Fiscal únense dous delitos, o de asasinato con aleivosía e ensañamiento, para o que pide 25 anos, e o de roubo con violencia e intimidación, que son 5 máis. Ademais, reclama a indemnización por danos morais á familia da falecida por valor de 230.000 euros. Pola súa banda, a defensa reclama unha pena de 15 anos asegurando que non foi un crime premeditado e que o home sufría un trastorno mental causado polo consumo de estupefacientes e alcol e que actuou en lexítima defensa.

ÚLTIMAS

O acusado de matar a Cristina Cabo: “Empatizo coa familia”

"Pido perdón polo que fixen, á súa familia e a todas as mulleres". Con...

Xuízo Cristina Cabo: O acusado mantén a súa versión na última xornada do xuízo

O acusado da morte da lucense Cristina Cabo Buján, J.O.V.S., mantivo a súa versión...

A escola Semente organiza o seu campamento de verán coa cultura galega e a natureza como protagonistas

O campamento de verán da escola Semente de Lugo terá lugar do 23 de xuño ao...

O veto a dúas edilas do PP na Milagrosa provoca a escisión na Federación Veciñal ‘Lucus Augusti’

Máis dunha ducia de asociacións de veciños formalizaron este martes a súa baixa da...