InicioCulturaO Ibader, un instituto universitario modelo con base en Lugo

O Ibader, un instituto universitario modelo con base en Lugo

O centro sobrepasa a maioría de idade aumentando a proxección internacional sen esquecer a protección dos pequenos produtores da provincia

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) acompañou o Campus de Lugo dende a súa creación, sendo referencia para outros institutos universitarios de tipo mixto, aqueles que  son compartidos con outras entidades públicos. O centro, dirixido por Pablo Ramil, afronta proxectos de interese para as consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente, a Deputación de Lugo e a propia Universidade.

De carácter técnico-aplicado, o Ibader conecta co medio rural, aportando coñecemento na produción primaria e os derivados, o coidado ambiental e a planificación do territorio. Segue as máximas de integración, colaboración e participación, tanto coas entidades que conforman o instituto, como de cara ao exterior.

No que respecta á iniciativa privada, os recursos que facilita afectan á caracterización e mellora dos produtos que caracterizan á provincia de Lugo, así como o asesoramento de cuestións técnicas ou de normativa europea. O Ibader axuda na meirande parte a pequenas empresas, cooperativas e agrupacións de produtores do eido agrogandeiro e forestal.

Edificio do Ibader, no Campus Terra

A xénese do Ibader sitúase no albor do milenio, cando Darío Villanueva e Francisco Maseda, reitor e vicerreitor na universidade compostelá, decidiron acompañar a configuración do Campus de Lugo un instituto vencellado ao medio rural. Daquela existían varios centros equiparables, máis de quince, mais ningún con esta fin.

Apostouse dende o inicio polo enfoque aplicado. Este modelo foi respectado nos dezaoito anos vindeiros, mantendo os obxectivos fundacionais, o que fala do éxito da iniciativa do sistema mixto. Tanto é así, que a experiencia serviu de modelo para institutos doutros territorios –o Sistema Universitario Galego non admite centros que repliquen obxectivos asignados a outro ente propio–. 

Así, existen institutos de características parellas en Asturias e Castela e León, moi semellantes ao Ibader. O modelo do complexo lucense foi imitado porque amosou a capacidade de funcionar noutras zonas con estruturas socioeconómicas dependentes do medio natural.

O groso do financiamento chega a través de proxectos europeos, convocatorias con obxectivos prefixados que dirixen en parte a actividade do Ibader. Secasí, outro dos piares do instituto é a divulgación: actividades de menor custe e menor impacto técnico e científico, mais con trascendencia social.

No pasado 2018, o Ibader celebrou máis de quince cursos adicados a agricultores e gandeiros, coa colaboración de varias entidades públicas. Este aspecto é de gran interese para a dirección, e pretenden reforzalo para manter o contacto directo co sector produtivo; tarefa, a da divulgación, que valoran incluso máis que os proxectos de aplicación directa, e que marca a idiosincrasia do centro.

Entre as diversas iniciativas internacionais, o Ibader participa dunha rede luso-galega para a transmisión de coñecemento sobre benestar animal, en formación, docencia e investigación. A colaboración coas universidades de Porto, Tras-Os-Montes e Alto Douro xustifícase pola semellanza entre as cabanas gandeiras.

Outro proxecto de gran entidade é o LIFE Fluvial, a cargo do Grupo Territorio e Biodiversidade do Ibader. Este programa europeo favorece actuacións en corredores fluviais de Asturias, norte de Portugal, A Coruña e Lugo. O principal cometido do instituto é o saneamento destas concas, localizando os riscos e actuando a prol da preservación das especies autóctonas.

Neste senso, o Ibader asume a eliminación de plantas invasoras, identificando os patóxenos que, por exemplo, complican a pervivencia do ameneiro, especie cunha perda moi grande. O corpo investigador elimina e reempraza aquelas árbores moribundas ou xa mortas. Tamén corrixe elementos estruturais, na configuración de ribeiras, ecosistemas que se foron perdendo ou alterando.

No futuro, o Ibader continuará artellando sobre os intereses de Lugo e da administración autonómica, sen esquecer aqueles servizos que valorizan a contorna. A tendencia leva a reforzar o aspecto internacional, a procurar cada vez máis proxectos fóra de Galicia, ambiciosa colaboración que permite atopar o financiamento –case sempre europeo– que mantén este tipo de centros.

De cara a este 2019, o Ibader ten varias accións a piques de comezar. Hai gañas, recoñece Ramil, por emprender os diferentes aspectos relacionados coa declaración de Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra, un proxecto encargado pola Xunta de Galicia, e que será executado ao longo do ano.

ÚLTIMAS

Un informe de Adega revela os datos reais de emisións e verteduras que Altri pretende ocultar

Un informe de Adega sinala que Altri oculta emisións no seu estudo de impacto ambiental e...

A Deputación presenta un plan invernal para estradas con 420 toneladas de sal e 112 traballadores

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este mércores en Pedrafita...

Chuvia, neve e temperaturas baixo cero na montaña de Lugo

Os termómetros volvéronse a esborrallar na madrugada deste martes ata valores negativos na maior parte...

Convenio entre Deputación e os 67 concellos da provincia para modernizar o padrón da man do INE

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes, no Pazo...