InicioMovementos sociaisAdolfo De Abel, de Lugo Patrimonio: “Traballar na asociación non é traballo”

Adolfo De Abel, de Lugo Patrimonio: “Traballar na asociación non é traballo”

O presidente de Lugo Patrimonio estrea o terceiro ano de mandado coa mesma enerxía que caracterizou unha completa e prolífica vida intelectual

PUBLICADA O

- Advertisement -

En apenas días, Adolfo de Abel celebrará tres anos á fronte de Lugo Patrimonio, entidade que dende hai máis dunha década adícase a defender e espallar a cultura material e inmaterial da provincia. Este douto historiador lucense, incansable investigador dos avatares da cidade na que naceu, adicou toda a vida ao asociacionismo cultural, cun periplo na política estreitamente vencellado a este eido.

Por que existe Lugo Patrimonio?

As persoas que fundamos a asociación somos xente que, alomenos eu, dende rapaz estiven metido en practicamente todas as asociacións importantes da cidade, do movemento asociativo cultural. Entendemos que estas asociacións prestan un servizo a determinados colectivos da cidade.

A defensa do patrimonio é un deber non só das administracións públicas, que teñen a responsabilidade de protexelo e conservalo, senón tamén da cidadanía; moitas veces son as administracións as primeiras que non cumpren. Pero para poder defender o patrimonio, é necesario coñecelo. O que fai a nosa asociación é cubrir ese papel, mediante conferencias e viaxes, dar a coñecer o patrimonio nun senso amplo.

A reivindicación do galego é un rasgo senlleiro da asociación. Por que é importante non separar lingua e patrimonio?

Nos nosos estatutos está a promoción da lingua. Hai un patrimonio material e un patrimonio inmaterial, e dentro deste, están determinados elementos do folclore que se perden se non hai quen os faga. Por exemplo, unha danza pérdese se ninguén a executa.

E coa lingua pasa o mesmo. Sempre haberá quen coloque a pedra que lle falta a un monumento, pero no caso da lingua, quen as utiliza son os falantes, e cando un morre, desaparece un falante. É un elemento cultural importantísimo non só no caso do patrimonio de Galicia, senón universal, porque forma parte da cultura universal.

Mostra de oficios no San Froilán. Na imaxe, Alberto Geada, o zoqueiro de Alfoz | Óscar Bernárdez
Mostra de oficios no San Froilán. Na imaxe, Alberto Geada, o zoqueiro de Alfoz | Óscar Bernárdez

Vai cumprir tres anos á fronte da asociación. Houbo un cambio no enfoque con respecto á época do seu predecesor?

Seguimos a mesma liña. Traballamos por ciclos de conferencias, para os nosos socios e a xente que desexe asistir, porque son abertas: ciclos adicados ao ferro, o pan, temas de tipo etnográfico; ciclos da romanización, o románico, o gótico, o renacemento, dous ciclos de barroco… Tratamos que a xente que non tivo oportunidade de formarse nestas cuestións teña un lugar onde poder cubrir esa carencia. Seguimos a mesma liña da directiva anterior.

Como o valora no persoal?

Positivamente. A min gústame participar e traballar nestas cousas, toda a miña vida a dediquei, á parte de traballar para poder comer, a servir tamén aos demais, a través de publicacións, artigos, investigacións, conferencias. O coñecemento que un vai adquirindo ao longo do tempo non serviría de nada se non se comunica. Para min, traballar na asociación non é traballo, creo que estou cumprindo unha función social, e que ademais é un deber.

Vostede é un historiador consagrado. Que lle aportou, en termos de coñecemento, Lugo Patrimonio?

Todos os días se aprende algo. Traemos sempre un elenco moi bo de conferenciantes, maioritariamente profesores universitarios, catedráticos. Un non o domina todo, hoxe é imposible abranguer todas as áreas de coñecemento, e sempre hai algún detalle que di o conferenciante que pode ser útil, ben casualmente ou ben para completar traballos que eu fago.

E que hai da súa faceta como político? En que cambiou o xeito de traballar as políticas do patrimonio e a lingua dende que deixou a primeira liña?

Hai xa casi trinta anos que deixei a política. Non seguín de cerca as actividades na política lingüística, pero vexo que no cultural hai moi pouco avance. O noso patrimonio non está suficientemente atendido; é certo que temos un patrimonio amplísimo, pero non está debidamente protexido, debidamente estudado, debidamente divulgado.

Boto en falta aquela iniciativa que houbera de Galicia no Tempo, que en Castela e León souberon aproveitar con Las Edades del Hombre, pero non tiveron continuidade. Esa política de patrimonio, de actuar, montar unha exposición e restaurar o patrimonio da zona, ten moitas partes positivas. Por un lado, recupera un patrimonio en mal estado; e por outro, divúlgao, o que é beneficioso para o pobo ou cidade no que se realiza a exposición, porque ten incidencia na economía da localidade.

Pancarta en conmemoración do 18.º aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade da Unesco | Partido Popular de Lugo
Pancarta en conmemoración do 18.º aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade da Unesco | Partido Popular de Lugo

Vostede é autor de innumerables traballos sobre diversas épocas da cidade de Lugo. Despois de todos os recoñecementos acadados por Lugo, coida que se valora en toda a súa dimensión o patrimonio da cidade?

Creo que non. Desgraciadamente, ás veces valoramos máis do alleo que do propio, e Lugo ten posibilidades dende un punto de vista patrimonial e turístico. Temos que ter en conta que é unha cidade terciaria, vive do sector servicios; somos ou funcionarios ou xubilados, e o resto vive a conta deses dous colectivos, non é unha cidade industrial. O fomento dun turismo cultural, de calidade –non interesa o turismo de masas, que deixa pocos cartos e produce moitos danos– sería un complemento para unha cidade que está moi decadente.

Que actividades hai previstas en datas vindeiras dende a asociación?

Este 2019, imos comezar neste mes cun ciclo adicado ao Pórtico da Gloria, pois acaba de recuperarse un dos elementos emblemáticos da cultura galega, sobre todo no relacionado coas peregrinacións. Teremos tres conferencias e unha visita ao Pórtico.

Despois, o Día das Letras Galegas, que está dedicado a Antonio Fraguas. Foi profesor do Instituto Masculino de Lugo, actual Lucus Augusti, entre 1950 e 1959; imos adicarlle unha conferencia para que nos fale del o biógrafo Clodio González Pérez, cunha mesa redonda na que intervirán Felipe Arias Vilas, que nos falará do Fraguas arqueólogo, María Xosé Fernández Cerviño, secretaria do Museo do Pobo Galego que dirixiu Fraguas, Xosé Manuel González Reboredo, compañeiro no Instituto Rosalía de Castro de Santiago, e que falará do Fraguas historiador, e un alumno, Jesús, presidente da Asociación de Antiguos Alumnos da Escola de Artes Aplicadas.

Outro ciclo moi interesante, un tema que levamos anos tentando facer, é sobre patrimonio industrial. Hai un patrimonio que se está perdendo, o das antigas fábricas, curtidoiros… patrimonio que noutros lugares se lle está a dar importancia, poñendo en valor, por exemplo en Portugal. Aquí practicamente desapareceu ou está abandonado. Imos ter sete conferencias e varias viaxes á zona de Aveiro, onde hai moito que ver, á Ría de Ferrol, a zona de Vigo, para ver as conserveiras.

E a nivel local, iremos a ver a Fábrica da Luz do Piago, que se creou a fins do século XIX e está agora rehabilitada; e unhas visitas á industria importante do século XVIII-XIX, Sargadelos. E como cada ano, iremos a ver Las Edades del Hombre, en Lerma, provincia de Burgos.

“Lugo precisa un museo romano que sexa referencia cultural”

ÚLTIMAS

Luz verde aos 22 millóns de euros do Plan Deputación 2025

O Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres, no seu Pleno ordinario, as bases...

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...

A Policía Local de Lugo identifica a dous mozos facendo pintadas e a outro que esnaquizaba coches a fartar

A Policía Local de Lugo identificou a dous mozos sorprendidos mentres realizaban pintadas na mañá de...

Lugo realiza case 900 rexistros de rede de sumidoiros para controlar as pragas urbanas

O Concello de Lugo levou a cabo un total de 870 rexistros de rede de sumidoiros en nove...