Ramón G. Rey | A CIG Saúde denuncia que se están a producir derivacións de pacientes dende a costa a Lugo por mor de falta de camas, carencia que a central nacionalista achaca a unha “mala planificación” na ampliación do Hospital da Mariña.
O sindicato asegura que alomenos tres persoas foron ingresadas no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), a consecuencia do protocolo de derivación polo peche de 60 camas no Hospital da Mariña, 30 na planta de hospitalización de traumatoloxía e outras tantas na de cirurxía.
Actualmente, o novo edificio do hospital ofrece un servizo de 48 camas nestas dúas especialidades, 24 por cada unha delas. Dende a CIG responsabilizan á xerente do hospital, María José Cortés Canay, por deseñar este plan “xustamente no momento do ano de maior ocupación a causa das patoloxías propias desta época”.
Ingresos noutras especialidades sen reforzo de persoal
A Confederación Intersindical Galega expón que o Hospital da Mariña, “que viña mantendo unhaocupación do 100 por cento, conta a día de hoxe con menos camas de hospitalización, o que está a provocar o ingreso de adultos en pediatría e de pacientes doutras especialidades en obstetricia, sen que iso implicara un reforzo do persoal destas unidades”.
O sindicato critica á xerencia do hospital por non dispor a reforma “en dúas fases, unha por cada planta de hospitalización, para manter sempre 30 camas a maiores operativas”.
Segundo afirma a central nacionalista, as derivacións continuarán “cando menos até o verán de 2019”, o que afectará “á veciñanza, que terá que asumir os gastos de verse obrigada a ingresar no HULA, coma viaxes, manutención ou aloxamento”. Así, o sindicato insta á xerencia a solucionar esta situación.
O Sergas asegura que as derivacións están xustificadas
Fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) aseguran que as obras foron planificadas “para evitar as menores molestias posibles” e que se tivo en conta a posibilidade de facelas por treitos, “solución que non era viable”.
O Sergas confirma que a redución de camas no tempo que duren as obras “é de doce”, unha situación que, como subliñan no departamento autonómico, “é temporal, porque a ampliación suporá gañar capacidade de hospitalización”.
As mesmas fontes argumentan que a xerencia fixo “unha exhaustiva selección dos pacientes” que son trasladados dende o Hospital da Mariña ao HULA, baseada en cuestións como que os doentes requerisen facer dunha proba no centro hospitalario de Lugo.
Así, a ampliación do hospital “é un feito decisivo para A Mariña, e para iso é preciso facer obras que ás veces xeran molestias”. Tralo traslado dos pacientes do hospital de día oncohematolóxico, a xerencia prevé que o vindeiro luns podan comezar as consultas no edificio novo do centro hospitalario.
Descontento nun HULA saturado
A planificación do Hospital da Mariña implica que pasará arredor de oito meses con menos camas, afectando por derivación a un HULA que xa rexistra plena ocupación incluso con todas as camas abertas. Esta é a advertencia da representación da CIG no centro lucense, que observa que “os doentes atópanse mesturados, fóra das unidades que lles corresponderían, o que supón dificultades para eles mesmos e tamén para o persoal”.
“Non nos parece de recibo que en pleno inverno o HULA deba soportar a carga asistencial que lle correspondería ao Hospital da Costa, cando todas sabemos que tarde ou cedo as patoloxía propias desta época van motivar que se desborden as capacidades do noso hospital”. A central sindical denuncia que se “implante a escondidas” un protocolo de derivación cando se pecharon camas na fin de semana.