A Policía Local de Lugo detivo o pasado 25 de maio a un home de 49 anos por un presunto delito de violencia de xénero acusado de agredir á súa parella. Segundo informou a Policía nunha nota de prensa, unha patrulla do grupo operativo nocturna foi comisionada pola Sala do 092 para acudir á rúa San Roque, xa que ao parecer un home estaba a ser agredido por unha muller.
Ao chegar ao lugar, os axentes localizaron a unha parella con signos de atoparse embriagados. Así, procederon a falar con ambos por separado. O home manifestou que a súa parella se puxo ciumenta ao velo falar con outra muller, o que deu lugar a unha discusión. Pola contra, a muller sinalou que o que se puxo ciumento fora el e que no transcurso dunha discusión a golpeara, presentando hematomas na axila e no brazo.
Por este motivo, a Policía Local procedeu á detención do home por un presunto delito de violencia de xénero. O detido foi trasladado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o xulgado competente.