O traslado da sede do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) de Monforte a Lugo e a situación da rede de residencias de maiores da provincia acenderon este martes o pleno da Deputación e propiciaron un intercambio de acusacións entre populares e socialistas durante a celebración dunha sesión que se viu interrompida polas protestas dun grupo de veciños en defensa da residencia de Becerreá.
O enfrontamento comezou co debate dunha proposta para a aprobación dun convenio interadministrativo de cooperación entre a Deputación Provincial de Lugo e o concello de Cervantes para a construción dun Centro de atención a persoas maiores no municipio.
Durante a súa quenda de intervención e por mor da rede de residencias de titularidade provincial, o portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, acusou ao presidente da institución de ter residencias pechadas, “como a de Becerreá”, “por capricho político ou persoal”.
“Tardouse menos tempo en construír as residencias da Fundación Amancio Ortega que o que tardou o PSOE en conectar a corrente eléctrica en Becerreá”, manifestou o portavoz popular, antes de ser reprendido na súa réplica polo deputado socialista Pablo Rivera por tratar, ao seu xuízo, de “embarrar” o debate.
INTERRUPCIÓN DO PLENO
O momento de maior tensión viviuse pouco despois, cando un reducido grupo de persoas, membros dunha plataforma proapertura da residencia de Becerreá, irrompeu no salón de plenos con pancartas e chalecos amarelos, o que motivou a interrupción da sesión durante algúns minutos.
“Se non se quitan os chalecos terán que abandonar o pleno. Non estamos nunha obra”, interpelou o presidente, José Tomé, aos manifestantes, para acto seguido responsabilizar aos deputados provinciais do PP de instar á cidadanía a interromper os plenos “por deporte” e a “rebentar” as sesións. “Interromper os plenos é un delito”, declarou.
Desde a bancada popular afearon o xesto de Tomé expulsando aos manifestantes do salón de plenos e acusárono de “implantar un código de vestimenta”, “limitar o aforamento da sala” impedindo “o acceso á cidadanía” e de “estrañar”, co seu comportamento, “outro tipo de réximes”.
A SEDE DE CRAEGA
O segundo choque frontal entre socialistas e populares tivo lugar como consecuencia dunha moción presentada polo Grupo Provincial Socialista reclamando ao portavoz dos populares, Antonio Ameijide, desculpas públicas por “as mentiras, a manipulación e a desinformación vertida en torno ao traslado da sede do Craega” de Monforte de Lemos a Lugo.
“Tiven que tomarme un tempo de introspección este fin de semana para pensar en como responder as súas bobadas”, comezou dicindo, en velada referencia ao período de reflexión anunciado a pasada semana por Pedro Sánchez, o portavoz dos populares na Deputación de Lugo.
“Non vou pedir perdón por unha moción froito dun complexo e dunha falta de altura política. Este pleno está para debater cousas serias e importantes, non para bobadas deste calado. O ego do presidente xa se comeu á persoa”, manifestou, acto seguido, acusando ao tamén alcalde de Monforte do cambio de sede do consello.
Na súa réplica, o presidente da Deputación, que acusou ao PP de “pactar” co Craega o cambio de sede e de “tentar mover tamén outros consellos reguladores situados en Monforte”, responsabilizou a Ameijide de “iniciar todas as disputas” e “utilizar o manual da mentira”: “A vostede gústalle desprezar e ningunear aos demais. A vostede gústalle o barro porque non sabe xogar nun campo bo”.
Si que existiu consenso, con todo, entre Goberno e oposición, en relación á moción presentada polo Grupo Provincial Popular para a firma por parte da Deputación dun convenio propio para o persoal do servizo de limpeza de centros e dependencias de titularidade provincial, que foi aprobada por unanimidade co voto a favor da totalidade dos deputados provinciais.