O Tribunal Supremo (TS) confirmou a condena de prisión permanente revisable a Ana Sandamil polo asasinato, en maio de 2018, á súa filla de sete anos asfixiándoa no municipio lucense de Muimenta nun “acto de violencia vicaria“.
Nunha sentenza, recollida por Europa Press, a Sala do Penal confirmou o fallo imposto polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que desestimou o recurso contra a condena inicialmente imposta pola Audiencia Provincial de Lugo.
Segundo consta nos feitos probados “a parella puxo fin á súa relación e a garda e custodia atribuíuse á nai, coa que convivía a menor constituíndose un réxime de visitas a favor do pai”. “Ela (a nai) era coñecedora da intención do pai da menor de modificar e incrementar legalmente o réxime de visitas, co fin de que a nena e o seu pai puidesen pasar máis tempo xuntos”, apunta o fallo.
O mesmo recolle que a nai “tiña algún tipo de trastorno, pero o mesmo non afectaba as súas facultades mentais nin ás súas capacidades cognitivas ou volitivas que lle puidesen afectar nin para comprender a ilicitude do feito nin á súa capacidade de autocontrol e para actuar conforme á dita comprensión”. “A autora, como nai da menor era persoa que debía protexela de calquera mal“, destaca o Supremo. Os maxistrados do alto tribunal aseguran que se trata de “un caso de violencia vicaria nun suposto de crime á súa propia filla pola recorrente na forma que consta nos feitos probados”.
BUSCOU FORMAS DE ACABAR COA súa VIDA
Nesta liña, indican que “días antes” do asasinato a muller “indagara en Internet sobre os medios cos cales podía acabar coa vida da súa filla, realizando a procura dun veleno chamado estricnina”. Ademais, apuntan, “era coñecedora da intención do pai de modificar e incrementar legalmente o réxime de visitas”.
“Así, a pesar disto último que consta nos feitos probados e a súa obriga moral e de dereito natural de protexela, acaba coa súa vida sendo consciente do que facía e do alcance e consecuencias do que levaba a cabo respecto da súa propia filla nun acto de violencia vicaria non amparable, segundo concluíu o xurado, á luz da proba practicada en circunstancia modificativa de responsabilidade criminal algunha”, recolle o fallo.
O Supremo incide en que a nai recorreu por non ser apreciada a eximente completa ou incompleta de trastorno psicótico. Con todo, lembra que o xurado foi concluínte á hora de rexeitar calquera tipo de eximente ou atenuante, o que foi confirmado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.