O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, cualificou como unha “moi boa noticia” para a institución, para os traballadores e para o conxunto da provincia de Lugo o aval do TSXG á relación de postos aprobada pola institución provincial. Desta forma, remarcou que a sentenza do alto tribunal galego “achega seguridade xurídica” ao marco laboral da Deputación e “reforza a estabilidade e a normalidade, tanto institucional como laboral”.
“Estabilidade e normalidade institucional que, sen dúbida, son factores esenciais ao meu modo de ver para o bo funcionamento da Administración e, por tanto, para que poidamos prestar o mellor servizo posible aos cidadáns da provincia”, indicou o presidente provincial. Doutra banda, continuou, “queda demostrado” que na Deputación as cousas “se fan ben”, que hai “unha boa xestión, transparente, seria e rigorosa”. A continuación, afeou ao PP de Lugo que “se dedique” a “facer ruído, a crispar á xente e a lanzar bulos”, cos que, “en moitos casos, ataca a profesionalidade dos traballadores da institución”.
“Desde logo, non entendemos nin compartimos esa forma de facer política e, pola nosa banda, seguiremos traballando dentro do equipo de goberno para desenvolver o proxecto de progreso social e económico que temos para a provincia de Lugo”, remarcou.
SENTENZA DO TSXG
Na xornada do xoves coñeceuse a resolución da sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG que avalou a aprobación das bases de provisión polo sistema de concurso dunha serie de postos que se achaban vacantes na Deputación Provincial de Lugo.
Con iso, confirmou a sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo que declarou inadmisible, por falta de lexitimación activa do demandante –un funcionario–, o recurso interposto contra o acordo plenario de 30 de outubro de 2018 que desestimou o recurso de reposición formulado contra o acordo de 29 de maio dese ano que aprobou definitivamente a modificación parcial da relación de postos de traballo da Deputación de Lugo. Tamén o sistema de carreira horizontal e o acordo da Xunta de Goberno Local de 19 de outubro de 2018 polo que se aprobaron as bases de provisión polo sistema de concurso dunha serie de postos que se achaban vacantes.
Na sentenza, o alto tribunal galego lembra que a elaboración dunha Relación de Postos de Traballo (RPT) é “un acto de contido discrecional, cuxa elaboración só pode corresponder á Administración competente, sen que a súa vontade sexa, en ningún caso, sustituible polo control xudicial en canto a devandito contido”.
Ademais, engade que “non só polo carácter discrecional do devandito contido, senón tamén porque tal sustituibilidade suporía obviar o carácter esencial que ten tamén o propio proceso de elaboración da mencionada RPT”.
Os maxistrados destacan que a confección e a modificación das RPT por parte das corporacións locais son “consecuencia da potestade de autoorganización de concellos e deputacións, a cal constitúe, como sinala a Sentenza do Tribunal Supremo de 21 de setembro de 1998, unha das manifestacións máis características da autonomía municipal”.
“Que comprende o establecemento e regulación das relacións de ámbito interno, funcionalmente requiridas para o desenvolvimiento da actividade cuxa xestión autónoma se encomenda ao ente, neste caso provincial, dentro sempre do marco que deseñan os principios de competencia e legalidade”, engade.
Por iso, conclúen que “nada impide ao pleno modificar anteriores acordos respecto da composición dos seus órganos”, á vez que subliñan que “o acordo é plenamente válido, pois se está exercitando unha potestade administrativa incoercible”.