InicioEconomíaCC.OO. denuncia o novo convenio da limpeza de Lugo

CC.OO. denuncia o novo convenio da limpeza de Lugo

O sindicato critica á CIG pola firma "en solitario" coa patronal dun acordo con "clara discriminación de xénero" e estuda a súa impugnación.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Comisións Obreiras denunciou este martes en Lugo que o novo convenio do sector da limpeza de edificios e locais da provincia, cuxa firma foi preacordada o pasado mércores entre os representantes dos traballadores e a patronal Aspel para pór fin a máis de catro meses de folga, deixará as táboas salariais en 2024 “por baixo do SMI”.

Así o manifestou o responsable do sector da limpeza de CC.OO. na provincia de Lugo, José Manuel Brea, nunha rolda de prensa convocada na sede do sindicato na que tamén participaron a secretaria xeral da Federación de Hábitat de CC.00. en Galicia, Alejandra Xesto; e o secretario xeral da Unión Comarcal de CC.OO. de Lugo, Manuel Quiñoá.

A convocatoria tivo lugar apenas unha semana despois de que as traballadoras ratificasen en asemblea, o pasado 21 de febreiro, a última proposta presentada pola patronal –previa negociación coa CIG, sindicato maioritario do sector– que incluía un incremento salarial do 18,3% e acordasen desconvocar o paro indefinido iniciado o 16 de outubro de 2023.

CC.OO., con todo, decidiu desvincularse do preacordo ao considerar que co novo convenio colectivo “as traballadoras non recuperan o poder adquisitivo perdido” nin ven recoñecida a súa antigüidade. “Este convenio que se vai a asinar no ano 2024 vai deixar as táboas por baixo do Salario Mínimo Interprofesional. Cos incrementos pactados, o salario de 2024 para unha limpadora é de 15.014 euros anuais cando o salario mínimo está en 15.876″, alertou José Manuel Brea.

Brea, que lembrou que “ningún traballador nin traballadora pode cobrar menos do salario mínimo neste país”, apuntou tamén que o obxectivo de CC.OO. na negociación era “incluír unha cláusula de garantía salarial para que ante unha subida do IPC as traballadoras non visen reducido a súa poder adquisitivo”.

“DISCRIMINACIÓN DE XÉNERO” E CRÍTICAS Á CIG

Máis enfática mostrouse, durante a súa intervención, a secretaria xeral da Federación de Hábitat de CC.00. en Galicia, Alejandra Xesto, que criticou “con contundencia” a firma “en solitario” por parte da CIG do preacordo coa patronal.

“Desde o inicio da negociación, a CIG centrouse máis en facer unha folga política que unha folga laboral. A folga indefinida estratexicamente foi un auténtico fracaso e debilitou ao sector porque a patronal vía como as traballadoras asistían día a día aos seus postos de traballo cun seguimento moi escaso da folga”, asegurou.

Alejandra Xesto cualificou ademais o novo convenio como “especialmente nocivo para as mulleres limpadoras” ao entender que contén “unha clara discriminación de xénero”. “Non é o mesmo para os homes traballadores da limpeza que para as mulleres”, denunciou, para acto seguido puntualizar que as mulleres representan o 85% do total dos profesionais do sector da provincia e que un 75 % delas traballa actualmente a tempo parcial.

“En 2023 as mulleres limpadoras cobraron 670 euros menos que o SMI, mentres que os homes que realizan practicamente o mesmo traballo quedaron entre 700 e 1.000 euros por encima do SMI”, ha ejemplificado despois, antes de asegurar que en 2024 os traballadores homes situaranse entre 600 e 900 euros por encima do salario mínimo mentres que as súas homólogas mulleres quedarán 860 euros por baixo do SMI.

Xesto concluíu a súa intervención asegurando que CC.OO. “estudará a impugnación” do novo convenio –chamado a substituír o caducado en decembro de 2021– e combaterao “en todos os plans de Igualdade das empresas de limpeza”.

ÚLTIMAS

A Deputación de Lugo dá luz verde á mellora das estradas provinciais

A xunta de goberno da Deputación de Lugo deu luz verde a licitar, por...

Un xulgado de Lugo condena a Correos a recoñecer unha subida salarial denegado a unha empregada de baixa por maternidade

O xulgado do social número 1 de Lugo condenou a Correos e á Seguridade Social a...

A Audiencia de Lugo absolve por falta de probas a un acusado de agresión sexual á filla menor de idade da súa parella

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo absolveu a un acusado dun delito continuado...

O Goberno inviste 25 millóns de euros para obras na A-6

O Consello de Ministros autorizou este martes a licitación por 25,17 millóns de euros...