InicioSociedadeO prazo para solicitar os descontos do programa 'Lugo Termal' abrirá o...

O prazo para solicitar os descontos do programa ‘Lugo Termal’ abrirá o vindeiro martes

Con este programa, a Deputación ofrece descontos nos balnearios de Lugo, Pambre, Guitiriz e Pantón ás persoas maiores de 50 anos da provincia, que poderán acudir a estes establecementos cun acompañante que non teña necesariamente esta idade.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou as bases da nova edición do programa ‘Lugo Termal‘, que se poderá solicitar a partir do próximo martes 16 de xaneiro. Así o anunciou a portavoz da institución provincial, Pilar García Porto, que detallou que os interesados deberán cubrir un impreso que sairá no Boletín Oficial da Provincia e que tamén estará dispoñible na web da Deputación. Deberán presentalo en calquera rexistro oficial ou na sede electrónica da institución, xunto coa fotocopia do DNI.

Como novidade, avanzou a portavoz, ‘Lugo Termal’ ascenderá aos 91.000 euros, o que representa unha subida de case un 30 % e contará con máis prazas: “Pasamos de 1.025 a 1.340 prazas, o que supón un 30 % máis, co que superamos a capacidade que ofrece a Xunta para toda Galicia”. Desas prazas, 825 son con estancia e 515, sen estancia.

Con este programa, a Deputación ofrece descontos nos balnearios de Lugo, Pambre, Guitiriz e Pantón ás persoas maiores de 50 anos da provincia, que poderán acudir a estes establecementos cun acompañante que non teña necesariamente esta idade. “Nesta nova edición, a número 12, os beneficiarios terán descontos de entre un 10 e un 20 % en función da modalidade (con estancia ou sen estancia) e tamén, como en anos anteriores, haberá diferentes técnicas e tratamentos a disposición das persoas usuarias”, informou García Porto.

PLAN ESTRATÉXICO DE SUBVENCIÓNS

Ademais, a xunta de goberno tamén aprobou o Plan estratéxico de subvencións para este ano 2024 cunha dotación económica de case 8,4 millóns de euros. “Este é o instrumento que regula a concesión de axudas económicas da Deputación ao conxunto do tecido asociativo da provincia, tanto de carácter nominativo, como de concorrencia competitiva”, explicou a portavoz socialista, que sinalou como obxectivo principal desta ferramenta o de “contribuír ao desenvolvemento de proxectos que impulsen o emprego e os sectores produtivos, o benestar social, o deporte, a cultura ou o turismo, entre outros ámbitos.

FORO EMPRESARIAL

Por outra banda, o presidente da Deputación, José Tomé, xunto ao secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, presentou este venres o ‘Foro para Impulsar o Desenvolvemento Empresarial da Provincia de Lugo’. Unha inciativa que o presidente provincial enmarcou na “colaboración” entre ambas as entidades para “favorecer a actividade económica e a creación de emprego” na provincia.

O encontro terá lugar o próximo 18 de xaneiro a partir das 10.00 horas no Centro do Viño de Monforte de Lemos. “Un foro no que contaremos con relatores de referencia para abordar o que xa se está facendo e os retos de futuro en tres ámbitos: infraestruturas, en canto á creación de polos industriais no rural, e no relativo a proxectos empresariais e o seu impacto demográfico”, explicou. Así mesmo, Jaime López sinalou que Monforte é “o nó loxístico de Galicia” e, nese sentido, destacou a vontade dos empresarios de colaborar co Concello no seu labor de converter a localidade en “un polo de desenvolvemento industrial”.

ÚLTIMAS

Candia esixe ao goberno de Lugo que actúe ante os conflitos que se orixinan nos locais do lecer da rúa Tui

O barrio da Milagrosa de Lugo rexistrou esta fin de semana un novo incidente...

Detido en Lugo un home que quedou cunha menor de idade a través dunha aplicación de citas

A Policía Nacional detivo en Lugo a un home que foi sorprendido o pasado día 3...

Identificados catro almerienses por presuntamente estafar 4.500 a un empresario lucense por Internet

A Garda Civil de Lugo identificou a catro veciños de Almería por supostamente estafar 4.500 euros...

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...