InicioPolíticaOs contratos para resolver as verteduras «están moi avanzados» e a oposición...

Os contratos para resolver as verteduras «están moi avanzados» e a oposición critica investimento e morosidade

O BNG levará as verteduras da Garaballa, «unha enfermidade crónica que o PSOE négase a resolver», perante a Valedora do Pobo – A oposición critica a taxa de investimento e a morosidade – Lugonovo proporá o emprego de gandería urbana para o coidado das zonas verdes

PUBLICADA O

- Advertisement -

Apois de novos vertidos de augas residuais ao río Rato, no barrio da Garaballa, o Bloque Nacionalista Galego denunciará esta situación perante a Valedora do Pobo «para que tome as medidas correspondentes». O voceiro nacionalista Rubén Arroxo anunciou esta medida coma paso a seguir logo de levar o tema á Comisión de Infraestruturas, ao pleno municipal, ao SEPRONA e maila Confederación Hidrográfica. «Os veciños non poden seguir vivindo a carón dunha cloaca», comentou.

Tal e coma explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández, os técnicos traballaron estes días «facendo as oportunas comprobacións» na vertedura. O pozo de tormentas foi limpado  e desbrozado hai quince días e agora estase a traballar de onde proceden os vertidos –«que non son do pozo», asegurou– e examinando a posibilidade de empregar unha cámara para atopar atascos nos túneis. A hipótese dos técnicos é que a vertedura tivo orixe nun «aluvión» de auga procedente dunha treboada «curta e intensa». A solución definitiva, din dende o Concello, pasa polos pregos de contrato da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), que están «moi avanzados» e teñen tratamento «prioritario».


Ciudadanos critica o investimento do goberno local e os populares advirten da morosidade

A representante de Ciudadanos, Olga Louzao, advertiu de que o balance contable de 2017  –que irá a pleno a vindeira semana– «pon de manifesto a parálise» do executivo. Para ilustrar a «ineficacia» do goberno socialista, salientaron que quedaron sen gastar 12,6 millóns de euros, co que só se destinaron 2,6 millóns a investimento, segundo a formación laranxa. Un investimento «propio dun pequeno concello» que «toca a 27 euros por habitante na cidade de Lugo», co correspondente impacto nas infraestruturas e espazos públicos.

Por outra banda, dende o Partido Popular falan de «goberno de morosos» por pechar abril con 9.003 facturas sen pagar, unha débeda de 11,5 millóns de euros con máis de 8.000 empresas. O voceiro Antonio Ameijide salientou a «lenta xestión interna na tramitación», cun período de pago medio a provedores de 80 días, e pagando en prazo legal só o 14 por cento das facturas. Estas cifras sitúan a Lugo «entre as cidades que peor pagan de España» malia «non existir ningún problema de liquidez nin imposibilidade financeira». Ao respecto desta cuestión, en Ciudadanos din que «traballar para o Concello de Lugo» non é «atractivo para moitas empresas e autónomos».


Lugonovo proporá a posta en marcha do pastoreo urbano

Para o mantemento dalgunhas das zonas verdes do municipio, Lugonovo levará unha proposición a pleno que retoma a iniciativa cidadá de empregar pastoreo nos límites urbanos. Tal e coma explicou Víctor Álvarez, voceiro deste grupo, «é unha aposta política por un modelo de xestión diferente, que pretende conciliar a conservación da contora co respecto ao medio ambiente, aumentando a calidade de vida da poboación». Razas autóctonas de cabras, ovellas, cabalos e gando vacún poderían aproveitar os recursos pastales derredor da cidade, incluso aqueles onde non chega a maquinaria.

A media, que afectaría a un mínimo de 40 hectáreas entre Teixeiro, As Gándaras, San Fiz, en parte dos parques e na contorna do Miño, persigue efectos diversos. Suporía un aforro en custe de 3 céntimos de euro por metro cadrado con respecto ao método convencional; e contra a emisión de 1,2 toneladas de dióxido de carbono por hectárea limpa, esta solución retiraría 70 quilogramos de CO2 por cabeza gandeira na mesma superficie. Tampouco sería preciso aboar nin tomar medidas citosanitarias. Amais, contribuiría á prevención de incendios, ao recoñecemento do rural, e ao beneficio económico de explotacións que carecen de pastos abondo. Este servizo de pastoreo urbano é común en cidades europeas coma Berlín, Turín, Roma ou París.

ÚLTIMAS

Volve este luns ‘Lugo Termal’: descontos en balnearios lucenses para maiores de 50

A Deputación de Lugoabrirá este luns o prazo para solicitar as 1.750 prazas do programa...

Ferida unha persoa en Begonte tras caer nunha cuneta co seu tractor e quedar atrapada

Unha persoa resultou ferida tras caer nunha cuneta co seu tractor e quedar atrapada...

Ferida unha persoa ao sufrir queimaduras por mor dun incendio na súa vivenda en Monterroso

Unha persoa resultou ferida ao sufrir queimaduras por mor dun incendio na campá extractora...

O Goberno ratifica que “nas próximas semanas” abrirá o tramo Melide-Palas de Rei da A-54

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ratificou que "nas próximas semanas" abrirá o...