InicioSociedadeO primeiro centro integral de saúde de Galicia, situado na cidade, comezará...

O primeiro centro integral de saúde de Galicia, situado na cidade, comezará a funcionar en outubro

O goberno local afea á Xunta non convidar á alcaldesa Lara Méndez a un acto con presenza da portavoz do PP local.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou este martes que o primeiro centro integral de saúde de Galicia, situado na cidade de Lugo, empezará a funcionar o próximo mes de outubro. Rueda realizou o anuncio, acompañado do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e da titular de Infraestruturas, Ethel Vázquez, nunha visita a estas novas instalacións no barrio da Residencia, que darán servizo ata a 240.000 usuarios de toda a cidade e arredores. “Imos finalizar o ano dinamizando e dando unha segunda vida a este barrio” no que se atopaban os antigos hospitais, salientou.

A Xunta destaca que o obxectivo dos centros integrais de saúde (CIS) é concentrar nun mesmo edificio a atención primaria común, a atención urxente (PAC), así como servizos especializados, para convertelos en punto de referencia dos pacientes de diferentes barrios, no caso das cidades, ou de distintas localidades, no CIS a nivel comarcal.

O futuro CIS de Lugo albergará a base do 061, centro de saúde e PAC (con 46 consultas), área de saúde mental (con 22 consultas) e espazos especializados en saúde bucodental, fisioterapia, saúde da muller ou radiodiagnose. Ademais, contará co último en tecnoloxía diagnóstica, o que permitirá habilitar unha sala de radioloxía, outra dotada cun mamógrafo e unha sala de radiodiagnose con telemetría para realizar radiografías completas de columna ou dos membros inferiores. A previsión é que o novo CIS de Lugo comece a funcionar o próximo mes de outubro e que, antes de finalizar o ano, estean operativos o 100 % de servizos.

“QUEREMOS SEGUIR DINAMIZANDO O BARRIO”

O presidente destacou a “rehabilitación” que se realizou no antigo Hospital Materno para reconvertelo no novo CIS. “Isto demostra que os edificios públicos poden ser bonitos, ademais de funcionais”, indicou, para asegurar que, no caso das infraestruturas sanitarias, búscase tamén que sexan “modernos” e “acolledores” tanto para os traballadores como para os enfermos.

No marco da Estratexia de Economía Circular do Sergas, o novo centro integral de Lugo foi construído, segundo a Xunta, para ser un edificio sustentable e enerxéticamente eficiente. Para iso, conta con paneis solares foltovoltaicos, madeira 100 % galega tanto no interior como no exterior ou un sistema de xestión da calefacción por biomasa. O investimento nestas novas instalacións, que se porán en marcha en outubro, superou os 16 millóns de euros, cofinanciadas con fondos Feder da UE. O CIS de Lugo supón a primeira peza da reconversión que a Xunta está levar a cabo do barrio da Residencia.

A localización onde se atopaban os antigos hospitais acollerá agora este centro sanitario, así como o futuro novo centro de Emprego ou a residencia da terceira idade, impulsada pola Xunta e a Fundación Amancio Ortega. “Queremos seguir dinamizando este barrio, dándolle unha segunda vida que sexa máis potente e con máis movemento do que xa tiña antes”, salientou.

APOSTA POR “REFORZAR” A ATENCIÓN PRIMARIA

A Xunta incidiu en que aposta polo modelo de centros integrais para mellorar a asistencia aos pacientes e adaptar a Atención Primaria ás necesidades da sanidade do mañá. Por iso, ademais do CIS de Lugo, están en marcha as obras do CIS Olimpia Valencia (Vigo) e o CIS de Lalín e comarca do Deza e o Goberno galego prevé dotar tamén cun CIS ás comarcas de Bergantiños (en Carballo), do Morrazo (Cangas) e de Baixo Miño (A Guarda).

O presidente insistiu en que Galicia “conta cun dos mellores sistemas de saúde do mundo”, pero recoñeceu que “sempre é preciso seguir progresando”, o que implica contar “cunha magnífica rede de profesionais que son a base, e todo con recursos e con edificios modernos e acolledores”.

O GOBERNO LOCAL AFEA “FALTA DE LEALDADE INSTITUCIONAL”

O goberno local, que dirixe a socialista Lara Méndez, emitiu un comunicado en relación a este acto no que lamenta “a falta de lealdade institucional” do Executivo autonómico, ao que acusa de non remitir “comunicación nin invitación algunha” ao Concello de Lugo para participar na visita institucional.

“O sucedido esta mañá é un capítulo inaudito na historia da cidade. É a primeira vez que non se convida a alcaldesa, primeira mandataria de Lugo e, por tanto, a súa máxima representante, a unha visita institucional do presidente da Xunta, cando si que ten presenza a portavoz do PP local, Elena Candia”, reprobou a portavoz municipal, Paula Alvarellos.

“Este acto totalmente censurable e fóra de lugar non supón unha ofensa cara ao goberno local ou cara á figura da alcaldesa, senón que constitúe unha ofensa para todas e todos os lucenses e evidencia a marxinación á que o Executivo de Rueda pretende someterlles”, agregou.

ÚLTIMAS

Protesta cidadá en Parga pola falta de médicos durante o mes de decembro

Veciños e veciñas de Guitiriz, xunto coa corporación municipal, concentráronse este venres fronte ao...

Os xulgados de Lugo poñen en marcha unha nova campaña solidaria de alimentos para bebés

O Decanato dos xulgados de Lugo comeza este venres e ata o próximo día...

O alcalde de Lugo e a concelleira María Reigosa negan unha “crise interna” e levarán xuntos Medio Rural

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a concelleira María Reigosa compareceron este venres...

Unha balsa ilegal de xurros causa unha catástrofe ambiental no Landro

A Garda Civil investiga ao administrador único dunha explotación gandeira situada en Muras como...