O secretario provincial do PSOE de Lugo, José Tomé, instou aos populares galegos a deixar de “contar contos” e “convocar eleccións” para que “fale o pobo galego”.
O dirixente socialista pronunciouse deste xeito ao ser preguntado por un posible adianto electoral en Galicia, unha opción que el mesmo considerou que “non vai haber”.
“Iso terao que saber o señor Rueda, pero eu creo que non o vai a haber porque non se vai a atrever”, afirmou Tomé, quen dixo que os resultados do PP en Galicia “foron malos”. “Queda moi xusta a maioría que agora mesmo ten o PP se agora se repetisen estes resultados nunhas autonómicas”, sostivo.
Tomé considerou que “está en risco claramente para o PP en Galicia o Goberno da Xunta” e subliñou que “hai unha alternativa que está a chamar á porta”. “Por tanto, poden convocar cando queiran que nós estaremos perfectamente preparados para tomar as rendas da Xunta”, incidiu.
En declaracións difundidas aos medios, o tamén presidente da Deputación de Lugo sostivo que os resultados alcanzados polo Partido Socialista na provincia foron “bos” porque subiu en “votos” a pesar de que perdeu un deputado.
“Aquí non se estaban facendo unhas eleccións sobre quen gobernaba a provincia ou un concello, estaba a falarse de gobernar o Estado e, por tanto, o resultado global para o Partido Socialista foi moi bo e vai permitir que haxa un goberno de progreso”, destacou.
Na súa intervención, Tomé tamén acusou ao líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, de ir por aí “dando tumbos” e “pena” tras o 23 de xullo, eleccións despois da que “xa hai movementos de tropas no PP” despois de que Esperanza Aguirre asegurase que “apostaba por Ayuso”.
Nesta liña, tamén en declaracións aos medios, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asegurou que o pasado domingo a cidadanía falou “claro” ao dicir que “non quere un goberno de dereitas, un goberno de retroceso que non garantía o seguir avanzando” senón “todo o contrario”. A alcaldesa sostivo que para a cidade era “importante” seguir co compromiso do goberno presidido por Sánchez en obras e infraestrcutruas, así como nos dereitos e avances en democracia.