Denunciado un lucense que foi atacado polo seu propio can, de raza perigosa, do que non tiña licenza nin levaba boceira

O can que atacou ao seu dono en Lugo. POLICÍA LOCAL DE LUGO

Un veciño de Lugo foi denunciado tras ser atacado polo seu propio can, de raza perigosa, do que non tiña licenza municipal preceptiva para a súa tenencia, non estaba inscrito no Rexistro municipal e non levaba ao animal coa boceira regulamentaria.

Segundo informou a Policía de Lugo, os feitos ocorreron o pasado luns cando o 092 recibiu unha chamada na que se informada do ataque dun can a unha persoa nas inmediacións do cemiterio municipal.

Os axentes desprazáronse ata o lugar e localizaron á persoa agredida no interior do seu vehículo, con sangue nos brazos e pernas, polo que solicitaron a presenza dunha ambulancia, que posteriormente trasladou ao ferido a un centro sanitario.

O animal, de raza Staffordshire Terrier, foi localizado xunto a porta de acceso ao cemiterio e presentaba restos de sangue no peito, fuciño e extremidades, polo que requiriron ao Servizo de Lacería, que se fixo cargo do animal e trasladouno ás súas instalacións, onde está en corentena.

Tras as investigacións oportunas, os policías puideron identificar o animal mediante o microchip, do que resultou ser propietario o home agredido. Así, constaba que tiña subscrito o seguro de responsabilidade civil obrigatorio, aínda que o seu titular, que o estaba paseando no momento da agresión, carece de licenza municipal preceptiva para a súa tenencia e tampouco estaba inscrito no Rexistro Municipal, como obriga a norma.

Ante isto, os axentes confeccionaron as actas-denuncias correspondentes, ademais doutra por levar ao animal pola vía pública sen facer uso da boceira regulamentaria.