InicioEconomíaSeragro presentará en Veterinaria as tecnoloxías da gandería de precisión

Seragro presentará en Veterinaria as tecnoloxías da gandería de precisión

As XVI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite abordarán as oportunidades que ofrece a tecnoloxía para conseguir explotacións eficientes

PUBLICADA O

- Advertisement -

As XVI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite explicarán como a gandería de precisión pode aumentar as cotas de eficiencia nas explotacións. Baixo tal pretexto, congregará na Facultade de Veterinaria de Lugo ás mentes expertas en novas tecnoloxías que permiten monitorizar e robotizar a xestión e os procesos de alimentación, muxido ou reprodución. Será os días 8 e 9 de novembro, baixo a coordinación de Seragro

En representación da Sociedade Cooperativa Galega presentou o evento a presidenta Noelia García Santoalla, acompañada do vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, o concelleiro de Medio Rural de Lugo, Miguel Fernández, e os coordinadores do programa, Miguel Varela e Juan Camilo Gómez Hermida.

García Santoalla agradeceu á autoridade provincial o “apoio ininterrompido á celebración destas xornadas”, aproveitando para repasar as feblezas e fortalezas do sector lácteo galego. A máxima responsable de Seragro salientou a capacidade de traballo e a actualización dos ganderías, sinalando asemade as oportunidades da tecnoloxía para aumentar as capacidades das explotacións. 

Bioseguridade e resistencia aos antibióticos

As XVI Xornadas Técnicas darán comezo o xoves 8 coa intervención da veterinaria especialista en Bromatoloxía, Sanidade e Tecnoloxía dos Alimentos María Somolinos. A especialista ofrecerá un faladoiro arredor do tratamento intelixente da hixienización da auga, dentro do concepto global de bioseguridade, para aumentar a rendibilidade da explotación.

As novas tecnoloxías serán a cerna da programación, afondando nas ferramentas nos eidos da podoloxía, a alimentación, a reprodución, o muxido e a xestión para lograr unha gandería de leite máis precisa e eficiente. Colaborarán nestas cuestións varios técnicos de Seragro, a saber, Federico Romero Yuste, Víctor Fuentes Veiga, José Luis Míguez Vázquez, Albino Iglesias Varela e Patricia Gómez Presa. No serán, examinarán os principais desafíos que arrostran no sector. 

Patricia Gómez, xestora técnica económica de Seragro | Transmedia
Patricia Gómez, xestora técnica económica de Seragro | Transmedia

Pola súa banda, o doutor Bruno González-Zorn analizará as resistencias aos antibióticos, asunto con implicacións na saúde pública. O profesor de Sanidade Animal da Universidade Complutense de Madrid concienciará a técnicos e gandeiros acerca da importancia dun uso responsable destes produtos para que continúen a ser efectivos. 

Pechando o xoves, a mesa redonda de xestión dos xurros contará con Juan Castro Insua, investigador do CIAM, e Juan Álvarez de la Puente, delegado da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea. O primeiro explicará o manexo do xurro adaptado ás condicións do clima e o solo de Galicia, práctica máis eficiente que a inxección directa; mentres que o segundo achegará a visión global e avanzará as liñas mestras da nova Política Agraria Común en protección medioambiental e requisitos das axudas.

Podoloxia e recría

O programa do venres iniciarase cunha conferencia sobre o impacto das coxeiras na economía e no benestar animal, a cargo do xefe do Servizo de Ruminantes do Hospital Clínico Veterinario da Facultade de Veterinaria da UCM, Francisco Javier Blanco Murcia. Despois, o enxeñeiro Iván Ansia Vázquez, asistente de investigación na Universidade de Illinois, centrará a intervención no manexo nutricional e social das xatas lactantes para a cría en parellas e grupos nas primeiras semanas de vida. 

Dende un punto de vista internacional, Carlos Hernández Mariscal, xerente de Control da Produción da Asociación Holstein de México, comparará a eficiencia nas cortes leiteiras mexicanas, explicando os aspectos de maior retorno económico. O bloque vespertino achegará información sobre a utilidade da necropsia para previr futuras mortes nas explotacións, a cargo do veterinario e perito en sinistros pecuarios Javier Camba Méndez. 

Espazo para os gandeiros

As experiencias dos gandeiros terán oco en tres faladoiros sobre tres estratexias distintas para a produción de leire. Compartirán o seu saber Ricardo Gómez, de Outeiro SC, con experiencia na raza Jersey; Santiago García Souto, de Finca La Asunción, falará sobre a súa vida dedicada á frisona; e Jesús Perfecto Fernández Pérez, da gandería de Pazos SCG, divulgará as características do sistema ProCROSS.

A clausura das XVI Xornadas Técnicas será responsabilidade da química e divulgadora científica Déborah García, e incluirá o tradicional brinde do leite. De seguido celebrarase o encontro gandeiro no vestíbulo da Facultade de Veterinaria, coa presentación do novo servizo de Pioneer para o mapeo e seguimento de predios vía satélite.  

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...