O goberno da Deputación de Lugo avanzou que interporá ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a sentenza do Xulgado do Contencioso número dous da cidade que anula o voto telemático dunha deputada do BNG nun pleno de maio de 2022 e anula os acordos adoptados.
Nun comunicado remitido aos medios despois de que o PP dese a coñecer este xoves a decisión xudicial, a institución provincial sinala que a sentenza non é firme e interporá un recurso de apelación por seguridade xurídica xa que nunha sesión plenaria celebrada tres meses antes, o 28 de decembro de 2021, o deputado do PP Óscar Poy Franco tamén solicitou e asistiu de forma telemática a un pleno, sen que os populares nin ningún outro membro da corporación “cuestionase nin denunciase a legalidade do seu voto”.
Neste sentido, o goberno provincial acusa ao PP de Lugo de “aplicar unha dobre vara de medir froito do seu contrastado sectarismo”. “Mentres que no caso do seu partido lle valeu o voto telemático, no caso da deputada que pertence a outra forza política foi ao xulgado pedindo a impugnación de tres acordos do pleno”, censuran.
Así mesmo, lembra que o PP “non impugnou a posibilidade do voto telemático da deputada nin ao comezo da sesión do pleno nin durante o transcurso do mesmo”. “Por tanto, o portavoz do PP aceptou a celebración da sesión plenaria co voto telemático, pero cando perdeu as votacións, decidiu impugnalas”, sostén.
Por iso, o goberno provincial sostén que a credibilidade do PP “brilla pola súa ausencia”. “Actúa pensando só nos seus intereses partidistas e electorais, nunca pensando nos veciños e veciñas da provincia”, critica o bipartito, que acusa ao PP de “utilizar as institucións á súa antollo e conveniencia, tratando de deslexitimar a quen está no Goberno cando non é do seu partido”.
Ademais, no suposto de confirmarse o ditame xudicial e que o voto telemático fose anulado, asegura que este “non foi decisivo nos puntos 10 e 11 recorridos polo PP, pois se daría un empate en número de votos –11 do goberno sen o presidente nin a deputada Mónica Freire- e 11 da oposición tendo en conta que un deputado do PP se ausentou a partir do punto 8–. Un empate que sería resolto polo voto de calidade da presidencia.
Tamén apunta que a xurisprudencia non establece “en absoluto” que sexan nulos ou anulables aqueles acordos de órganos colexiados nos que o voto dun dos seus membros non se teña en conta por calquera tipo de irregularidade cando o mesmo non é decisivo para a formación da vontade do órgano, que, conforme sinala, é precisamente o que ocorre no presente suposto. Por iso, sostén que “a anulación do voto telemático non tería ningún efecto real, nin práctico”.
“Se é que aínda lle queda algo de dignidade, o PP debe rectificar as mentiras que profire ao asegurar que os xuíces resolveron unha vez máis a favor do PP nas súas reclamacións”, manifesta o goberno provincial, que sostén que “non houbo máis veces nos que o PP gañase algo nos tribunais”.
Ademais, o bipartito recomendoulle aos populares que “non tiren xa os fogos de artificio”, “non vaia a ser que se lles atragoe a alegría” como, segundo apunta, “ocorreulles coa sentenza sobre a compra da acción de Tragsa”. “Cansáronse de prodigar unha suposta vitoria, pero a decisión da Deputación foi avalada polo TSXG”, indica.