InicioSucesosAna Sandamil ten un "trastorno mental grave" non relacionado co crime segundo...

Ana Sandamil ten un “trastorno mental grave” non relacionado co crime segundo psiquiatras forenses

"No momento dos feitos non tiña completamente anulada a súa capacidade de interpretar a realidade nin o control voluntario dos seus actos", dixo unha das psiquiatras forenses.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O grupo de psiquiatras forenses que examinaron a Ana Sandamil, acusada o asasinato da súa filla Desirée Leal, admitiu este venres que padece un “trastorno mental grave” e que non pode descartase que sufrise algún tipo de “psicose”, aínda que non ven relación entre esta situación e o crime e descartan que se tratase de “unha morte con motivación psicótica”.

Na quinta xornada do xuízo que se segue na Audiencia de Lugo polo asasinato en 2019 da nena Desirée Leal testificaron, entre outros, os psicólogos e psiquiatras forenses que analizaron á acusada de cara ao xuízo e que, en contra polo declarado polos facultativos que a atenderon durante o seu ingreso hospitalario, consideran que as capacidades da muller non estaban anuladas no momento do crime.

Este é un punto central neste caso, xa que o primeiro veredicto de culpabilidade contra Ana Sandamil determinaba que era consciente dos seus actos cando matou á súa filla Desirée, algo que o TSXG non viu suficientemente motivado, polo que obrigou a repetir o xuízo.

Este venres, os expertos forenses reiteraron que non consideran que o asasinato de Muimenta fose un “homicidio psicótico”, aínda que admitiron que Ana Sandamil padece “unha enfermidade mental”, un “trastorno grave da personalidade” que “si afectou os feitos, pero dunha maneira parcial”.

“No momento dos feitos non tiña completamente anulada a súa capacidade de interpretar a realidade nin o control voluntario dos seus actos”, dixo unha das psiquiatras forenses que, no entanto, lembrou que o feito de ter unha enfermidade mental non implica a relación directa co crime.

SEN RELACIÓN COA SÚA PSICOSE

Na súa declaración, os forenses explicaron que non consta na historia clínica da acusada que “fose atendida por cadros psicóticos” con anterioridade aos feitos, se non consultas relacionadas coa ansiedade.

Do mesmo xeito, dos informes sanitarios da muller despois do crime, os expertos sinalaron que dá en urxencias “unha explicación do que puido ocorrer” a Desirée, o que implica que “sabe que pasou algo”, así como que “non estaba emocionalmente moi afectada”.

Nas entrevistas que lle realizaron, Ana Sandamil referiulles que “se atopaba mal” e “se sentía vixiada e observada” antes dos feitos. “Tiña a idea obsesiva de que a súa exparella podía estar detrás destes comportamentos”, apuntaron.

En todo caso, engadiron, nunca dixo que vise á nena diferente ou que sentise que ‘lla cambiaron’ e podía ser unha ameaza. “Preguntámoslle especificamente se vía á súa filla como outra persoa e díxonos que non, preguntámoslle se a vía en perigo e díxonos que non”, destacaron.

Ademais, as forenses detectaron unha “certa esaxeración de síntomas” e unha amnesia sobre os feitos que “era un pouco impostada”, así como que “daba versións diferentes” de cuestións relevantes como onde atopara a nena morta ou se a tentou reanimar.

UN TRASTORNO GRAVE

Para os forenses, “o diagnóstico máis probable” de Ana Sandamil é o “dun trastorno grave da personalidade ao momento da entrevista”, e “é posible que previamente”. En todo caso, apuntan, “non era unha persoa que estivese fóra da realidade” e “non tiña síntomas psicóticos produtivos”.

Para os expertos, unha persoa con estas características da personalidade “pode, nalgún momento, desenvolver algún síntoma psicótico”. “Facer un desenvolvemento delirante entra no posible. Non descartamos que no seu caso puidese haber un desenvolvemento psicótico delirante“, dixo a psiquiatra para quen, no entanto, “non existe relación” entre este suposto episodio psicótico e a morte da nena. “Non nos parece que a nena estivese incluída na temática delirante da nai”, apuntou.

En particular, os forenses dixeron que en ningún momento a muller deu a entender que crese que “lle cambiaron” á nena, que esta supuxese unha ameaza ou que tentase defendela dun ataque. Por tanto, mesmo no caso de que tivese un episodio psicótico, non estaría relacionado co crime.

Como exemplo, destacaron que as persoas que cometen “homicidios psicóticos” están “tan absolutamente convencidas de que o que fan” é real que “non o ocultan”, se non que tentan “convencer” aos demais que “o que fixeron era a única forma posible de actuar”, sen “buscar unha explicación alternativa”, como fixo Sandamil.

IMPULSIVIDADE E SIMULACIÓN

Na sesión deste venres declararon tamén as psicólogas forenses que fixeron unha análise da personalidade de Ana Sandamil no que, entre outras cuestións, pasóuselle un test de simulación que apuntaba que podería estar “a esaxerar” os seus síntomas.

As expertas contaron que a acusada é unha persoa “con emocionalidade negativa”, que tende a verse afectada por “preocupacións, ansiedade” e percibe “máis as emocións negativas que as positivas”.

Ten, ademais, unha “puntuación alta en depresión” e “ansiedade social”, á vez que é “introvertida, teme a crítica” e teme “ser rexeitada ou humillada” polos demais. O informe descríbea tamén como unha persoa con “impulsividade alta” e vulnerabilidade, xa que “tende a sentirse inferior aos demais”.

Nas entrevistas que realizaron con ela, profundaron, “expresa problemas esaxerados de memoria”, o que podería indicar que “non son xenuínos”, e “responde a algúns items de maneira diferente ao que o faría unha persoa con trastornos reais de memoria”.

ÚLTIMAS

O Goberno inviste 25 millóns de euros para obras na A-6

O Consello de Ministros autorizou este martes a licitación por 25,17 millóns de euros...

Detido en Friol por entrar pola forza na casa dun coñecido, romper mobles e aveños e ameazalo de morte

A Garda Civil detivo na localidade lucense de Friol a un home de 28 anos que...

Denunciada por falsificar un cartón de discapacitado para poder aparcar

A Policía Local de Lugo identificou e denunciou a unha condutora que facía uso...

Volve este luns ‘Lugo Termal’: descontos en balnearios lucenses para maiores de 50

A Deputación de Lugoabrirá este luns o prazo para solicitar as 1.750 prazas do programa...