InicioMedioambiente e PatrimonioAsí é o meteorito que aterrou en Baralla durante a pandemia, o...

Así é o meteorito que aterrou en Baralla durante a pandemia, o único atopado en Galicia e un dos 43 que hai en todo o mundo

Os expertos chancean con que a pedra é "100 % galega" e que ten mesmo "certa semellanza" coa silueta do antigo reino de Galicia.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O 18 de xaneiro de 2018 impactaba en Baralla o primeiro e ata agora único meteorito recolleito en Galicia, o de ‘Traspena’, unha peza singular, ademais, porque é un dos 43 en todo o mundo nos que se puido reconstruír a súa órbita.

Museo de Historia Natural da USC acolleu este venres unha xornada divulgativa na que o profesor da área de Astronomía e Astrofísica da universidade, Manuel Andrade Baliño, explicou os distintos pasos da investigación para determinar a historia desta pedra, que contou con dez científicos implicados e liderados pola USC, que marcou as pautas de actuación desde o campus de Lugo.

Con máis dun metro de tamaño e ano e medio de investigación encima, os científicos conseguiron determinar que o meteorito formaba parte do cinto de asteroides coñecidos como Apolo, aqueles con órbitas próximas á da Terra.

Ademais, a través de dous vídeos oficiais e sete casuais achegados polos testemuños, construíron ata 31 liñas visuais do fenómeno desde distintos puntos de vista. Así puido ser catalogado como un “pequeno asteroide” e determinar a súa órbita, algo pouco frecuente.

A xornada divulgativa, que contou cunha ampla asistencia, estivo enmarcada nun improvisado escenario cun panel de doce pezas procedentes do espazo ás súas costas, entre as que destacaron a de Cangas de Onís, de hai século e medio, que chegou ao museo como un obsequio do reitor da Universidade de Oviedo.

UN CAMIÑO CHEO DE PEDRAS

Coa caída do meteorito en plena pandemia, os investigadores relataron as dificultades ao levar a cabo o proceso durante o confinamento e como, grazas a un permiso de excelencia da universidade, chegaron á zona onde se estimou o impacto. Alí segundo comentan, xa había persoas doutras partes de España, sen certificación ou permiso aparente, buscando o meteorito.

A peza, finalmente atopada por Jesús Anxo Farelo na súa leira dous meses despois, é “100 % galega” chanceou o director do Oarma da USC, José A. Docobo Durántez, quen asegurou que se albisca nela una “certa semellanza” coa silueta da comunidade ou mesmo o antigo reino de Galicia.

Baixo este “fervor patriótico” engadiron que pouco despois de producirse o impacto, recibiron solicitudes internacionais para obter os vídeos captados polos observatorios galegos. Unha petición que foi denegada polos investigadores, quenes resaltaron o valor “decisivo” que as catro cámaras instaladas en Santiago e Lugo tiveron en toda a investigación.

Os investigadores chancearon con que non se prevén futuras incorporacións á colección, xa que estes impactos en Galicia ocorren aproximadamente cada 700 anos, e, dada a súa excepcionalidade, podería dar para o “argumento dunha novela ou película” engade Docobo.

O meteorito dividido en varias partes, algunhas delas destinadas ao proceso de investigación, estará dispoñible para a visita no concello de Baralla e no propio museo, onde lle foi outorgada unha vitrina individual.

ÚLTIMAS

Candia esixe ao goberno de Lugo que actúe ante os conflitos que se orixinan nos locais do lecer da rúa Tui

O barrio da Milagrosa de Lugo rexistrou esta fin de semana un novo incidente...

Detido en Lugo un home que quedou cunha menor de idade a través dunha aplicación de citas

A Policía Nacional detivo en Lugo a un home que foi sorprendido o pasado día 3...

Identificados catro almerienses por presuntamente estafar 4.500 a un empresario lucense por Internet

A Garda Civil de Lugo identificou a catro veciños de Almería por supostamente estafar 4.500 euros...

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...